O voluntariado de BBVA e a Cruz Vermella formarán dixitalmente a case 300 maiores galegos

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

A entidade bancaria BBVA e a organización Cruz Vermella xuntaron forzas na nosa terra para facilitar e impulsar a plena adaptación das persoas maiores á nova orde de cousas instaurada pola COVID, unha nova normalidade que, xunto co confinamento previo, agravou o problema da fenda dixital, ao esixir de todos os cidadáns (tiveran ou non recursos e coñecementos) capacitación tecnolóxica para comunicarse, formarse e atopar información e lecer. Para combater este problema de discriminación cos nosos maiores, voluntarios de BBVA e de Cruz Vermella impartirán preto de 50 obradoiros en Galicia para formar a 267 persoas no uso das tecnoloxías.
O obxectivo: que adquiran competencias dixitais e que poidan realizar accións tan comúns como falar cos seus familiares en vídeo ou visitar museos virtuais para exercitar as súas funcións cognitivas. Estes cursos serán unha realidade grazas ás doazóns da entidade bancaria e dos seus empregados para o Plan Cruz Vermella Responde, unha campaña que recadou en España 1.062.000 euros, a metade procedente dos empregados e a outra metade unha contribución do BBVA. Da contía total, BBVA destinou 177.000 euros a Cruz Vermella á compra de 600 tabletas e a posta en marcha de 500 talleres (offline e online) para un total de 3.000 persoas maiores en España.
En Galicia, Cruz Vermella impartirá xunto a con os voluntarios de BBVA 44 talleres de formación en xuño para persoas maiores co obxectivo concreto de ensinarlles o uso de ferramentas dixitais como WhatsApp, dos principais programas de ofimática ou das aplicacións móbiles de uso máis común. Os cursos de formación en Galicia repartiranse da seguinte maneira: 13 obradoiros na Coruña, 7 en Lugo, 13 en Ourense e 11 en Pontevedra. En total, grazas a campaña solidaria de BBVA, estímase que as actividades formativas axuden directamente a 267 maiores e que poidan entregarse un total de 53 tabletas para continuar coa súa formación.
Doutra banda e de maneira adicional, o voluntariado da entidade bancaria fará un acompañamento virtual para pór en práctica o coñecemento adquirido e informarase aos participantes sobre actividades culturais e de lecer co fin de estimular as súas funcións cognitivas.

PUBLICIDADE