O xogo Mercenaries 2 desencadea a polémica por recrear un ataque a Venezuela

luns, 1 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

JPEG - 95.5 KB

Entre as consolas e a realidade na que vivimos hai cada día máis ligazóns e vías de senso duplo e de ida e volta. En ocasións, o eido dos videoxogos non fai máis que reproducir fielmente os problemas da realidade social que nos rodea. Ten posibilidades até para meterse en política e, se acaso, influír no rumbo tomado polas nacións. Algo disto hai no xogo Mercenaries 2: World in Flames e na polémica que o acompaña. O produto en cuestión, que vén dos Estados Unidos da casa Pandemic, aseméllase aos seus pais como todo fillo, e tendo en conta que transcorre nunha Venezuela hipoteticamente convulsa (destruída de arriba a abaixo), xa intuímos por onde van os tiros, sobre todo se temos en conta que foi desenvolvido nun país ideoloxicamente cen por cen oposto.
Así, e malia a existencia en EE UU de partidarios do réxime de Hugo Chávez, o certo é que entre as súas fileiras non semellan atoparse os creadores do xogo, no que se recrea un ataque de mercenarios ao devandito país suramericano.
Máis polo miúdo e segundo sinala a propia casa responsable de Mercenaries 2 (unha división de Electronic Arts), este sería o seu argumento: trátase de poñérmonos nunha campaña para botar abaixo a un ditador “famento de poder” e que emprega para o seu propio uso a achega de petróleo do dito país, converténdoo nun espazo de guerra. Tal e como era de agardar, o xogo non sentou nada ben en Venezuela, que xa o cualificou de “proxecto de invasión”. Electronic Arts deféndese dicindo que cómpre lembrar que Mercenaries 2 só é un xogo, que transcorre en 2010 nun país hipotético baseado en certas realidades actuais, e nada máis.

Trailer o xogo

PUBLICIDADE