O xogo de The Amazing Spider-Man 2 chega a iOS e Android

luns, 21 de abril do 2014 Marcus Fernández

Coincidindo coa chegada ás salas cinematográficas do filme The Amazing Spider-Man 2, o seu xogo homónimo de Gameloft estréase por 4,49 euros nas súas versións para iOS e para Android, tendo que agardar uns días máis os usuarios de Windows Phone para poder facerse con este xogo de mundo aberto no que poderemos balancearnos polas rúas de New York durante unha guerra de bandas, enfrontándonos tamén aos malvados que aparecen na película de pantalla grande, pero enriquecéndose o xogo con moitos outros personaxes das viñetas do trepamuros como Gata Negra, Kraven, Venom e moitos outros.
Grazas á flexibilidade que ten este título, que non sería unha adaptación directa da película (aínda que incluso conta coa voz dos actores orixinais cando os seus personaxes aparecen na acción), podemos optar por mudar o traxe do protagonista (de xeito que Spider-Man pode desbloquear traxes alternativos como o negro ou o de Iron Spider-Man).
No xogo podemos explorar 6 zonas distintas de Manhattan, gozaremos de gráficos propios de xogos de consola, teremos dende loitas en terra con numerosos golpes combinados ata espectaculares combates aéreos e incluso poderemos participar en eventos sociais espectaculares (como loitas contra vagas de xefes e adversarios na area de Mysterio).
Un titulo recomendable para os incondicionais do personaxe da Marvel e dos que gustasen do anterior xogo de Spider-Man publicado por Gameloft (pois ambos seguen unha liña moi semellante).


Trailer do xogo The Amazing Spider-Man 2