O xogo galego Infinity inspira unha serie de animación

martes, 15 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O xogo de mesa Infinity da compañía bueuesa Corvus Belli, non só sementou todo un universo de xogos, senón que está a espallarse a outros medios, como o audiovisual, como a serie de animación Infinity: Paradise Lost, ambientada 200 anos no futuro nun universo no que a humanidade abandonou a Terra e colonizou outros sistemas estelares mentres hai tirapuxas entre distintas faccións planetarias e chegan ameazas alieníxenas.
Esta serie de animación está a ser realizada por Lex + Otis, estudio de Jay Oliva (responsable das últimas películas animadas da Liga da Xustiza e de Batman, así como da serie de animación El Ocaso de los Dioses que vén de triunfar en Netflix), conta xa cun tráiler oficial, e o vindeiro sábado pola tarde ocupará un panel dentro da New York Comic Con no que amosarán imaxes do piloto da serie e conversarán cos seus responsables, así como tamén avanzarán algún detalle sobre o videoxogo que estará inspirado na mesma.
Que unha creación galega poida elevarse como unha franquía transmedia internacional é un logro sen precedentes que sen dúbida recompensará os moitos esforzos realizados polo equipo de Corvus Belli dende Bueu.

Tráiler de Infinity: Paradise Lost