O xogo na nube de Microsoft chegará a PC e iOS en primavera

mércores, 9 de decembro do 2020 Marcus Fernández

O lanzamento das novas consolas Xbox Series X/S está a contribuír a dinamizar as consolas Xbox e os seus servizos asociados, de xeito que rexistraron un grande nivel de uso durante o mes de novembro con miles de millóns de horas de xogo aos máis de 3.800 títulos diferentes dispoñibles para as consolas Xbox.
Sobre as novas máquinas, destacan que os usuarios destas consolas gozaron de 1,6 millóns de actualizacións de xogos de anteriores xeracións á Xbox Series X/S e, como dato bastante revelador, aseguran que o 40% dos novos xogadores de Xbox xogan dende unha Xbox Series S (o que confirmaría a boa decisión de lanzar unha consola de nova xeración económica).

Actualmente podemos gozar dos xogos de Xbox Game Pass a través de smartphones con Android

Pero o máis relevante do que está a anunciar Microsoft estes días sería que o servizo de xogo na nube da compañía vai ir máis aló de dispositivos con Android, de xeito que os xogos de Xbox Game Pass Ultimate poderán funcionar en streaming tamén dende ordenadores con Windows e dende dispositivos con iOS a partir da vindeira primavera.
No caso de equipos informáticos, o xogo en streaming estará dispoñible a través da aplicación de escritorio de Xbox e a través do navegador web, mentres que para iOS optan pola execución a través de navegador web ante os atrancos que Apple pon para a existencia dunha aplicación nativa que facilite o acceso a todo un catálogo de xogos.

PUBLICIDADE