O xogo na nube de Microsoft inicia as súas probas en España

martes, 5 de maio do 2020 Marcus Fernández

A versión preliminar de Project xCloud xa é unha realidade en España, de xeito que os usuarios inscritos a esta fase de proba poden xa gozar do xogo na nube de Microsoft, que facilita o acceso a numerosos xogos para Xbox One dende unha aplicación para Android que funciona tanto a través de Wi-Fi como mediante banda larga móbil (en contraste con outras plataformas semellantes, que esixen conexións cunha latencia moi reducida).
Esta aplicación podía empregarse previamente para xogar en remoto á nosa consola doméstica, pero agora pode empregarse tamén para gozar do xogo na nube, facilitando así que poidamos xogar a grandes títulos dende calquera lugar cunha boa conexión á Internet.
Para que o control dos xogos de Xbox One no móbil sexa bo recoméndase o uso de mandos sen fíos de Xbox One (que nos últimos anos incorporaron conectividade Bluetooth, de xeito que poden empregarse en smartphones e tabletas. A propia Microsoft recomenda a compra dunha pinza de xogo para o mando de Xbox One que facilite a colocación do noso smartphone sobre o gamepad de Xbox One, conseguindo así unha experiencia moi semellante ao xogo tradicional, pero gozando das bondades do xogo na nube.
Entre os xogos compatibles con Project xCloud están títulos como Batman – The Enemy Withing, Brothers, Conan Exiles, Destiny 2, Devil May Cry, Dirt Rally 2.0, Farming Simulator 17, Forza Motorsport 7, Gears 5, Halo 5, Hellblade: Senua’s Sacrifice, catálogo que irá modificándose paulatinamente para ofrecer xogos que noutras condicións sería imposible que puidesen correr nun smartphone. Tamén se comenta que é bastante probable que o catálogo de xogos de Xbox Game Pass estea dispoñible a través deste novo servizo de streaming, conseguindo que así o servizo de subscrición de xogos teña máis sentido que nunca.

Con Project xCloud podemos xogar no móbil títulos reservados inicialmentemente a consolas Xbox One

PUBLICIDADE