O xogo na nube de Xbox estrea retrocompatibilidade

mércores, 31 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Os usuarios de Xbox Game Pass Ultimate poden gozar dunha oferta de xogos a través de streaming maior que onte grazas a que o xogo na nube de Xbox para dispositivos con Android abriuse a xogos retrocompatibles, comezando por 16 títulos para Xbox 360 e a Xbox orixinal.
Entre os xogos que agora están dispoñibles mediante streaming temos clásicos da Xbox orixinal como The Elder Scrolls III: Morrowind e éxitos de Xbox 360 como Banjo Kazooie, Fable II e Fallout: New Vegas, e xogos como Jetpac Refuelled, Viva Piñata e Viva Piñata Trouble In Paradise incluso son compatibles con controis táctiles (ou sexa, que poden xogarse sen precisar dun mando físico).
Esta ampliación do xogo na nube de Xbox é unha grande nova en boa medida polo que significa a longo prazo, xa que supón un compromiso co mantemento de títulos clásicos, que moitos apreciarán poder xogar no futuro.

PUBLICIDADE