O xogo na nube de Xbox incrementa a súa potencia

mércores, 23 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Pouco quixeron tardar dende Microsoft para comezar a aplicar as novidades que anunciaron como antesala da feira E3, e finalmente o xogo na nube de Xbox deu un importante salto de potencia, de xeito que títulos como Yakuza: Like a Dragon ou Rainbow Six Siege presentan novas opcións de configuración gráfica, deixando constancia que xCloud estaría a basear a súa potencia na Xbox Series X, o que axudará a gozar de mellores gráficos e menores tempos de carga, e no futuro tamén permitirá que os usuarios de Xbox One poidan gozar de novos xogos que non están dispoñibles de xeito nativo para a súa máquina tirando proveito do poder da nube.
Dende Microsoft aínda non anunciaron nada ao respecto, o que podería responder simplemente ao feito de que aínda non aplicaron os cambios de potencia para todos os xogos de Xbox Game Pass, aínda que é de esperar que digan algo oficialmente en breve, xa que o vindeiro 27 de xullo chegará o Flight Simulator ao Xbox Game Pass, e o feito de poder gozar deste título en consolas Xbox One grazas ao streaming supón un antes e un despois ao xeito de entender o salto ás novas xeracións de consolas.

PUBLICIDADE