O xoves comeza unha nova edición da iniciativa de capacitación dixital Ao lado dos nosos maiores

luns, 16 de abril do 2018 Redacción

A AMTEGA e operador de telecomunicacións Orange organizan un ano máis a iniciativa Ao lado dos nosos maiores, un ciclo formativo sobre o uso de dispositivos móbiles, un total de 17 obradoiros prácticos e de balde de dúas sesións de dúas horas de duración, que se realizarán de xeito presencial entre o xoves 19 de abril e o mércores 27 de xuño en diversas localidades da Rede de aulas CeMIT de Galicia.
O obxectivo principal desta actividade, impartida por persoal de Orange en calidade de aliado dixital, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles así como solucionar as dúbidas que poidan ter para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e que se familiaricen coa tecnoloxía móbil.
Durante as 4 horas de actividade ensinarase a enviar fotos, vídeos e mensaxes por WhatsApp, gardar contactos, facer chamadas, acceder e navegar por Internet e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso do teléfono e/ou tableta.
Para asistir á actividade non é necesario ser cliente de Orange. É preferible que os participantes leven cadanseu terminal para acadar un maior aproveitamento do obradoiro e no caso de que algún dos asistentes non acuda cun dispositivo móbil, os formadores disporán de 2 tabletas e 2 smartphones dispoñibles para o seu préstamo.

JPEG - 184.9 KB
Relación de centros da Rede CeMIT nos que se desenvolven os obradoiros

PUBLICIDADE