O xuíz Eloy Velasco enumera en Compostela os principais delitos TI que persegue a Audiencia Nacional

venres, 25 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O maxistrado atendendo aos medios antes do seu relatorio

O maxistrado Eloy Velasco, un dos principais impulsores dos procesos actuais de modernización da Xustiza, estivo nas Xornadas de Informática Xudicial do CPETIG para falar do papel que xogan hoxe en día os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial. Velasco, que é xuíz do Xulgado Central de Instrución Número 6 da Audiencia Nacional, falou dos principais delitos que se cometen na actualidade ao abeiro das redes, delitos como as estafas con todas as súas moitas modalidades pero todas elas dirixidas cara a un único obxectivo: facerse cos nosos cartos. Algunhas destas modalidades seguen métodos tradicionais (aseméllanse a calotes de toda a vida, como por exemplo o da estampiña) pero outros teñen un importante compoñente de malicia que parece propia do noso tempo, dixo, como por exemplo as recentes cartas supostamente procedentes de Siria para botar unha man ao traballo das ONG humanitarias.
Amais deste tipo de estafas, Velasco tamén fixo fincapé na importancia de perseguir a pornografía infantil e máis un tipo de delitos en claro crecemento e que serían a adaptación á Rede do que comunmente se ten chamado achaiamento de morada. A fin de contas, dixo, en Internet colle todo: “Ameazas, insultos, calumnias, delitos de toda a vida que agora se canalizan na Rede e os móbiles”. Porén, as tecnoloxías que acubillan o crime, de xeito paradoxal, tamén dan as claves para resolvelos e buscar responsabilidades. Un exemplo disto, comentou Velasco, é o uso dos móbiles, cada vez máis estendido, nas pescudas policiais para extraer indicacións dos tempos, os espazos e os movementos dos seus usuarios, datos que poden ter especial valor para unha investigación. Ante a pregunta de se a Xustiza está preparada para facer fronte a esta nova feitura da criminalidade, o maxistrado dixo que a Xustiza española está a día de hoxe á mesma altura que Europa, pero está claro que hai moitas cousas que mellorar. “Unha das claves”, sinalou, “está en que os xuristas sexan cada vez máis técnicos, e que os técnicos sexan cada vez máis xuristas”.
Sobre a cuestión da internacionalización dos traballos policiais contra o cibercrime, Velasco ten claro que a loita contra este tipo de delitos é o primeiro caso de loita contra a delincuencia transnacional. En base a isto, non se podería facer ren de non traballar estreitamente con outros países e institucións. “En todos os estados do mundo están acontecendo cousas de xeito simultáneo, e ás veces falamos da mesma cousa con múltiples ramificacións xeográficas, múltiples autorías”, comentou. Ao seu xuízo, estase a colaborar cada vez máis entre diferentes organismos a través das fronteiras, “a proba é que en varios casos recentes de detencións en España de delincuentes doutros países, recibíronse chamadas de corpos policiais dos seus lugares de orixe para solicitarnos a incautación inmediata dos dispositivos destes criminais”. Estes son procesos de colaboración que van a máis, con prioridade nos obxectos tecnolóxicos, e cada vez veremos máis casos semellantes, comentou, froito da estreita relación entre todo tipo de países. “En definitiva”, engadiu, “cómpre que teñamos en conta que as tecnoloxías nos igualan”.

PUBLICIDADE