O youtuber coruñés Wismichu trunfa na Internet, nos teatros e na televisión
xoves, 29 de outubro do 2015
O
cambio de hábitos de consumo audiovisual entre a mocidade é algo cada vez máis
evidente, e a súa fuxida das grellas televisivas e a aposta polo vídeo baixo
demanda a través da Internet crea auténticos fenómenos como os youtubers,
celebridades na Rede que cada vez teñen unha maior presencia ao noso redor,
conseguindo trasladar o seu éxito na Rede a iniciativas máis tradicionais, como
estes días demostrou o coruñés Ismael Prego, Wismichu, que aos seus 22 anos que
acumula 3,3 millóns de subscritores en YouTube (cantidade que resulta abraiante
se temos en conta que, cando participou na
Hobbycon de 2013 apenas tiña 300.000 subscritores e xa era toda unha estrela
da web a nivel español) e conseguiu un cheo completo o pasado domingo en tres
sesións dun espectáculo
de stand-up comedy no Teatro Colón da
Coruña no que estaba acompañado polo youtuber AuronPlay.
- María Mera e Fernando Tato tamén visitaron o Tunai Show
Pero a nivel galego, o fenómeno desta figura na Internet foi moi visible a
pasada noite, xa que acudiu en calidade de convidado ao programa Land Rober Tunai Show da Televisión de
Galicia, ao que tamén acudían convidados os actores Fernando Tato e María
Mera. Así, mentres os incondicionais da Galega prestaban unha grande atención
aos protagonistas de O Faro, na
Internet un impresionante número de seareiros de Wismichu estaban pendentes do
que ía acontecer na canle de televisión autonómica, pese a que a meirande parte
destes espectadores estaban ao outro lado do Atlántico, polo que apenas
comprendían o que se estaba a dicir no espazo televisivo en galego.
- Javier Mosquera comentounos o grande impacto da visita de Wismichu nas redes sociais
O responsable das redes sociais do programa televisivo, Javier Mosquera, confirmounos que xa no
cancelo #LandRober25 triplicárase a actividade con respecto ao cancelo da
semana anterior (chegando a 3.765 chíos e preto de 8 millóns de impresións
cunha audiencia potencial de 1,9 millóns de tuiteiros), notándose un grande
incremento de mensaxes dende América Latina. Incluso a nivel galego o cancelo
#LandRober25 conseguiu arrasar en toda a nosa comunidade autonómona, chegando a
converterse en Trending Topic a nivel
español, competindo con espazos televisivo de ámbito estatal, deixando claro o
pulo que tiña a presenza do célebre youtuber.
- O enfrontamento nun ring entre o Wismichu e Roberto Vilar foi o momento estrela do programa televisivo
Na súa retransmisións tradicional o Land Rober Tunai Show conseguiu unha cota de pantalla dun 13,2% e unha audiencia media de 132.000 espectadores, manténdose como o segundo programa máis visto en Galicia, pero non había discusión de que na Internet era o que estaba a trunfar, e non foron poucos os que, tras a emisión do programa, recorreron á páxina web da CRTVG para poder recuperar os 23 minutos que durou a participación de Wismichu no Land Rober. Confírmanse así as palabras de Javier Mosquera, quen comentou que “invitar a un influencer nas redes sociais a un programa de televisión non incrementa significativamente as métricas dos audímetros, pero triplica o traballo de comunicación en tempo real na Rede”, engadindo que “se volve Wismichu, séntoo ao meu carón a currar”.
- O cancelo #LandRober25 triplicou o impacto de entregas anteriores do Tunai Show e chegou a Trending Topic