O2 estrea unha tarifa con fibra de 1 Gbps, móbil, Movistar Plus+ e Netflix

luns, 12 de maio do 2025 Marcus Fernández

Os operadores de telecomunicacións de baixo custo seguen a potenciar as súas tarifas con subscricións a servizos audiovisuais para chegar a un maior público, e nesa liña O2 está a captar moita atención co anuncio dunha nova tarifa «con todo o lecer incluído e máxima velocidade».
Falamos concretamente da nova tarifa de fibra óptica simétrica a 1 Gbps, fixo e móbil con chamadas ilimitadas a números estatais e 375 GB de datos en 5G+, Movistar Plus+ e Netflix Estándar con anuncios por un total de 56 euros/mes.
Estamos ante a tarifa máis cara de O2, que parece buscar a tranquilidade do usuario contratando velocidades e volumes de datos bastante elevados, aínda que cómpre salientar que actualmente a compañía xa contaba con fibra de 600 Mbps, fixo e móbil con chamadas ilimitadas e 60 GB de datos, Movistar Plus+ e Netflix por 45 euros/mes, tarifa que na meirande parte dos escenarios resulta máis atractiva.
Tamén é interesante indicar que os servizos audiovisuais incluídos nesta nova tarifa teñen un prezo total de 16,98 euros/mes de contratarse de xeito independente, polo que a tarifa de fibra e móbil quedaría en 39 euros/mes, o que é máis do que custa calquera das tarifas actuais de O2, constatando que a nova tarifa só compensa para quen realmente fai un consumo de datos móbiles superior aos 120 GB ao mes.