O2 suspende as contratacións ante a acumulación de incidencias

xoves, 12 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A só un mes da súa estrea española, O2, o novo operador de baixo custo de Telefónica encabezado por Pedro Serrahima (considerado o responsable do éxito de Pepephone), que anunciaba as súas tarifas e a apertura dun período de funcionamento en probas previo a un lanzamento masivo tras o verán, vén de suspender a contratación durante uns días, ante as numerosas incidencias rexistradas nas últimas semanas á hora de procesar as altas de novos usuarios e o envíos das súas tarxetas SIM.
Dende a compañía aseguran ter cesado as novas altas para centrarse nos usuarios aínda teñen a súa alta en tramitación, para reactivar o procedemento de contratacións cando estean ao día e realicen os cambios oportunos para poder operar con normalidade.
Aseguran ter xa milleiros de clientes, e consideran normal ter problemas nunha fase de probas, mentres nas redes sociais podemos ler queixas de numerosos usuarios que falan de retrasos de máis de dúas semanas na instalación da fibra óptica, de completar portabilidades sen ter enviado a nova tarxeta SIM ao cliente (deixándoo sen servizo), numerosas incidencias coa compañía de transporte (Zeleris) encargada da entrega das tarxetas SIM e incluso hai clientes que tras completar a súa contratación experimentan problemas de cobertura.

PUBLICIDADE