OONI denuncia que os bloqueos de LaLiga son masivos e desproporcionados
martes, 30 de xuño do 2026
O Observatorio Aberto de Interferencia nas Redes (OONI) publicou un informe exhaustivo que documenta o impacto dos bloqueos de IP aplicados por operadores españois desde febreiro de 2025 durante as retransmisións de partidos de LaLiga. Estas medidas, autorizadas por orde xudicial para combater a pirataría audiovisual, están a provocar unha interrupción masiva e non desexada de servizos completamente alleos ao fútbol. OONI recolleu e analizou medicións realizadas en España entre xaneiro e xuño de 2026, así como resolucións DNS de 9,2 millóns de dominios, revelando unha escala de afectación sen precedentes.
Segundo o estudo, o bloqueo de apenas entre 4 e 20 enderezos IP nunha xanela dunha hora chega a inutilizar máis de 400.000 dominios debido ao uso de infraestrutura compartida na web moderna. En total, identificáronse 554.507 dominios afectados nalgún momento das retransmisións, o equivalente ao 5,8% dos sitios máis populares da Internet. Estes dominios dependen de 7.441 enderezos IP bloqueados pertencentes a 36 provedores de infraestrutura, incluíndo Cloudflare, Amazon, Akamai, Meta e Microsoft .
A maior parte do impacto concéntrase en servizos que comparten IP con moitos outros sitios. Cloudflare, por exemplo, acumula máis de 500.000 dominios afectados, todos dependentes dun conxunto relativamente pequeno de enderezos IP bloqueados durante os partidos. OONI destaca que esta arquitectura multiplica o dano colateral cando se bloquea un único IP.
Entre os sitios afectados figuran organizacións de dereitos humanos como Amnistía Internacional, entidades ambientais como Greenpeace Argentina, Cool Earth e The Climate Reality Project; institucións gobernamentais como o Senado australiano , medios de comunicación como La Patilla ou o Ukrainian Crisis Media Center; plataformas de mensaxería como WeChat e mesmo servizos de infraestrutura crítica como Amazon S3 ou o rexistro de Terraform.
OONI tamén detectou ataques de tipo TLS man-in-the-middle na rede de Digi Mobil, nos que se inxectaba un certificado falso durante as conexións, afectando máis de 7.300 enderezos IP e 10.759 dominios. A organización considera esta práctica especialmente preocupante por comprometer a integridade das comunicacións cifradas.
A análise temporal mostra que os bloqueos comezan pouco antes do inicio dos partidos e rematan pouco despois do seu final, evidenciando unha aplicación estritamente ligada ás retransmisións de LaLiga . Telefónica aparece como o operador máis consistente na execución das medidas, aplicándoas de forma sistemática ao longo de toda a tempada. O informe lembra que Telefónica é tamén difusora de contidos futbolísticos e está parcialmente participada polo Estado, o que abre interrogantes sobre posibles conflitos de interese na implementación destas medidas .
OONI subliña que os seus resultados son conservadores e probablemente subestiman o impacto real debido ás limitacións metodolóxicas, como a cobertura oportunista das medicións ou a dependencia de listas de dominios predefinidas. A organización conclúe que bloquear unha parte tan ampla da web para combater a pirataría suscita serias dúbidas sobre a proporcionalidade das medidas e reclama maior transparencia, supervisión independente e garantías para evitar que este tipo de prácticas se consoliden como precedente para bloqueos máis amplos no futuro.
