OPROMAR lanza unha aplicación de balde que impulsa o consumo de peixe: Al menos Tres
martes, 23 de setembro do 2025
A Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR), en colaboración coa Fundación Española da Nutrición (FEN), presentou este luns 22 de setembro, no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, a aplicación gratuíta Polo menos Tres (en castelán, Al menos Tres) unha ferramenta dixital deseñada para promover o consumo de peixe na dieta diaria. A cita reuniu a diferentes profesionais sanitarios, entre outros a persoal de enfermería, médicos de Atención Primaria e nutricionistas da área Sanitaria deVigo, quen destacaron “o valor educativo e a utilidade práctica desta aplicación”.
A app, dispoñible para descarga gratuíta, ofrece información nutricional de múltiples especies pesqueiras, receitas rápidas e saudables, así como recomendacións adaptadas ao perfil do usuario.
O seu obxectivo é facilitar a incorporación do peixe á dieta de maneira sinxela, mesmo para quen dispón de pouco tempo ou escasa experiencia na cociña.
As persoas asistentes destacaron “o valor da aplicación como ferramenta útil para a educación nutricional dos pacientes .
A aplicación, que anima a incorporar peixe na dieta polo menos tres veces por semana, foi cualificada como “unha iniciativa clave para previr problemas de saúde como a obesidade infantil e reforzar a dieta atlántica, un modelo alimentario avalado pola ciencia polos seus beneficios cardiovasculares”.
Durante o acto, a subdirectora de Enfermaría en Atención Primaria da área Sanitaria de Vigo, Carmen Soto, destacou a importancia de consumir peixe polo menos tres veces á semana, fundamental na dieta atlántica, “unha dieta que achega moito beneficios para a saúde incluíndo a redución do risco cardiovascular, unha mellor saúde metabólica e unha protección fronte a doenzas crónicas, ademais de mellorar a calidade de vida e a sustentabilidade ambiental”.
Pola súa banda, Juan Carlos Martín Fragueiro, director xerente de OPROMAR, sinalou: “As recomendacións sanitarias en canto á inxesta de peixe non se están a cumprir e os profesionais sanitarios son referentes e prescritores clave na adopción de lestes hábitos.” Martín Fragueiro engadiu que “a aplicación que presentamos ten un carácter práctico e moi intuitivo e o que é máis importante, vén avalada por profesionais sanitarios.”
Finalmente, Rosaura Leis, Presidenta de FEN e Coordinadora da Unidade de Nutrición Pediátrica no Hospital Clínico Universitario de Santiago, salientou que “a loita contra a enfermidade é unha loita de todos: familia, escola, profesionais sanitarios, sociedade no seu conxunto. OPROMAR dá boa mostra diso, ademais de achegar un produto saudable e sostible.”
OPROMAR anunciou que estenderá estas presentacións á área Sanitaria da Coruña - Cee, co obxectivo de que máis profesionais poidan recomendar Polo menos Tres aos seus pacientes, reforzando así a educación nutricional, o consumo de peixe e o apoio ás comunidades pesqueiras galegas.
A aplicación inclúe un catálogo en constante crecemento con especies como pescada, peixe espada, xurelo, bacallau, rape, xarda, gallo, bocareu (anchoa), lirio, pota e quenlla, entre outras. A listaxe seguirase actualizando para converterse “nun recurso imprescindible na cociña diaria”.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Produción e Comercialización de OPROMAR para 2025 con Fondos FEMPA.
