OWC ofrece as capacidades dunha unidade SSD a través de USB 3.0
xoves, 16 de abril do 2015
Nos
últimos anos vimos como os ordenadores experimentaban un importante incremento
de velocidade grazas á emerxencia das unidades SSD como alternativas aos discos
duros, e para facer accesible esta tecnoloxía en forma de unidades externas OWC
presenta as súas novas unidades
OWC Envoy Pro mini, que ofrecen velocidades de transferencia sostida de até
433 MB por segundo a través de conexións USB 3.0, o que é unha magnífica nova
para os profesionais que precisen de unidades portátiles no seu fluxo de
traballo (por exemplo, para traballar con imaxes de grande tamaño ou con vídeo
en ultra alta definición). Lembremos que as transferencias a través de FireWire
800 son de aproximadamente 84 MB por segundo, mentres que por USB 3.0 teríamos
que conformarnos con transferencias duns 37 MB por segundo.
Estas unidades de almacenamento compactas (miden 9,4 x 2,4 x 1,1 centímetros)
chegan inicialmente en capacidades de 120 e 240 GB a prezos de 119 e 199
dólares respectivamente (110,58 e 184,93 euros), aínda que tamén está
previsto que en breve estea dispoñible unha unidade de 480 GB a un prezo de 599
dólares.
As OWC Envoy Pro mini son compatibles con Linux, Windows XP ou superior e OS X
10,3 ou superior, destacando o feito de que en equipos de Apple incluso é
posible empregalas como unidade de arranque, o que pode ser un xeito moi
práctico de acelerar o funcionamento dun equipo que conte con USB 3.0 e
empregue como unidade de sistema un disco duro tradicional.