Obsbot estrea cámaras web económicas

xoves, 16 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

O mercado das cámaras web rexurdiu no confinamento, facendo cada vez máis habituais as xuntanzas virtuais e as sesións formativas en liña, de aí que se incrementasen tamén as esixencias dos consumidores, levando a que as webcams incorporasen cada vez máis prestacións e innovacións, e como bo exemplo de todo iso temos ao fabricante chinés Obsbot, que está a ampliar o seu catálogo con cámaras que integran funcións de IA e apostan por axustar o seu prezo para chegar a un público máis amplo.
A Obsbot Tiny SE chega como unha cámara impulsada por IA que busca ser unha proposta económica pese a estarmos ante unha cámara PTZ (ou sexa, que pode rotar, inclinarse e facer zoom). Esta cámara integra un gimbal de 2 eixes, ofrece seguimento de rostro e corpo dun xeito suave e preciso (para manter ao usuario en plano durante directos e presentacións) e pode capturar vídeo Full HD até a 100 imaxes por segundo.
O seu sensor CMOS apiado de 1/2,8 polgadas ofrece imaxes nítidas e cores vivas, ten IOS nativo dual e Staggered HDR para unha boa calidade de imaxe en contornos escuros e luminosos.
Aparte do seguimento avanzado mediante IA con zoom automático, tamén conta con control por xestos e outros métodos de control alternativos (como o aproveitamento dun panel Stream Deck para un manexo áxil).
O seu prezo oficial é de 129 euros máis IVE, podendo atoparse en Amazon a 149 euros, o que supón un aforro importante fronte á cámara Obsbot Tiny 2, que custa actualmente 369 euros.

Vídeo promocional da cámara Obsbot Tiny SE

Para os usuarios que non precisen dunha cámara PTZ ofrecen tamén a Obsbot Meet SE, que achega practicamente as mesmas prestacións, pero coa cámara fixa, polo que non ofrecería tanta calidade ao empregar a tecnoloxía de seguimento automático (por facer recorte aplicando zoom dixital de até 4x). Ao non estar motorizada, esta cámara web consegue reducir o seu prezo até os 79 euros máis IVE (99 euros en Amazon) converténdose nunha opción moi atractiva para moitos usuarios que queren gozar de funcións avanzadas sen realizar un grande investimento.

Vídeo promocional da cámara Obsbot Meet SE