Oculus Dash permitirá correr aplicacións informáticas en fiestras virtuais

venres, 13 de outubro do 2017 Marcus Fernández

No filme Minority Report podiamos ver a Tom Cruise controlar un sistema informático baseado en holografías que podía manexarse directamente cos dedos (empregando unhas luvas especiais) e aínda que a xeración de imaxes no aire non sexa unha tecnoloxía madura, o control por xestos xa leva anos entre nós, e durante o evento Oculus Connect desvelaron unha actualización do software de Oculus Rift que nos leva a pensar que o futuro que presentaba a película baseada nunha historia de Philip K. Dick está máis preto de facerse realidade do que podiamos pensar.
Falamos concretamente de Rift Core 2.0, unha renovación do software da solución de realidade virtual de Oculus (compañía propiedade de Facebook) que non se conforma con facilitar o acceso a mundos virtuais e videoxogos, senón que tamén quere introducirse no noso día a dia, cun menú de inicio redeseñado e, moi especialmente, co novo Dash.
Oculus Dash é unha interface de sistema que abre a porta á computación inmersiva, xa que permite moverse polos menús mediante unha interface baseada nos controis de movemento Touch, pero sen limitar a experiencia a acceder ás aplicacións propias da realidade virtual, ou sexa, que permite que poidamos presentar no mundo virtual xanelas que poderemos colocar ao noso redor e que representarán a aplicacións informáticas, ou sexa, que permitiranos experimentar un escritorio holográfico virtual, o que resultará especialmente atractivo para desenvolvedores, que poderán depurar as súas aplicacións de realidade virtual mentres as están usando.
Rift Core 2.0 chegará en probas a partires do mes de decembro.

Vídeo de demostración de Oculus Dash

PUBLICIDADE