Oleiros acolle un obradoiro para combater nas familias a incomunicación dixital

xoves, 12 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Oleiros quere afondar na problemática do mal uso das redes na adolescencia, un emprego inaxeitado da comunicación (por cantidade de uso e, tamén, por falta de protección á hora de acceder a determinados sitios e contactar con determinados usuarios) que está a levar (de maneira paradoxal) á incomunicación no ámbito familiar e docente. Se os días pasados o Goberno local organizou unha xornada na Fábrica para afondar nos pros e contras do espallamento das canles dixitais entre os menores, desta volta o equipo de Goberno local lanza un obradoiro (Conéctate á adolescencia 3.0) que fornece de ferramentas para salvar atrancos comunicativos coa mocidade.
Segundo informa o Concello máis en detalle, “o obxectivo é contribuír a dotar de ferramentas e recursos para mellorar as relacións nos contornos familiares; non perder a comunicación entre xeracións e seguir mantendo relacións de calidade nun mundo cada vez máis tecnolóxico no que, sorprendentemente, cada vez estamos máis comunicados pero cada vez máis illados”. Asemade, o Executivo local quere salientar a importancia que teñen as TIC e as redes sociais nas etapas máis temperás de vida, etapas nas que se forman as personalidades e os temperamentos e que teñen unha relevancia crucial para todo o que acontece nos anos vindeiros na vida das persoas. A idea, polo tanto, é axudar ás familias a preparar o terreo para que as rapazas e rapaces teñan os mellores hábitos posíbeis con respecto á Sociedade do Coñecemento. “A través de técnicas de adestramento educativo, de mindfulness e de educación emocional buscaremos reforzar e manter unhas relacións de calidade nas familias e que non se perda o contacto”.
A actividade será impartida por Virginia Pañeda e Sara Vierna, profesionais con ampla experiencia en todos os devanditos eidos de actividade así como no traballo con adolescentes.
O obradoiro desenvolverase en 8 sesións, de dúas horas de duración cada unha delas, os mércores, en horario de 19:00 a 21:00 h, no último andar da Casa da Cultura de Perillo. Serán un total de 15 prazas, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, dirixidas a pais e nais de menores con idades entre os 9 e os 17 anos de idade que figuren empadroados/as no Concello de Oleiros.
O proceso de inscrición será única e exclusivamente a través da web municipal, www.oleiros.gal, na pestana nun clic, dentro do apartado de catálogo de trámites, no taller Conéctate á adolescencia 3.0. O prazo vaise abrir o luns 7 de abril ás 10:00 h ata o venres 13 de abril ás 14:00 horas.

PUBLICIDADE