Olimpia López entrega 50 carnés de ciberexpert@ ao alumnado do colexio San Xosé, Lugo

martes, 27 de xaneiro do 2026 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, fixo entrega na mañá deste martes 27 de xaneiro de 50 carnés de ciberexpert@s ao alumnado de 6º de primaria do Colexio San Xosé de Lugo, nun acto no que estivo acompañada polos formadores da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga e Iván García.
A subdelegada puxo en valor o compromiso do Goberno coa formación dixital nas aulas para previr calquera tipo de acoso ou violencia a través das novas plataformas.
No acto de entrega dos carnés, felicitou a todos os alumnos e alumnas polo seu interese nesta aprendizaxe, así como aos formadores da Policía Nacional “polo seu traballo na formación dos escolares”. A subdelegada tamén tivo palabras para o equipo directivo, de quen agradeceu “a súa receptividade á hora de que o alumnado poda recibir esta información”.
Engadiu que “a seguridade dixital da infancia e a mocidade é un reto colectivo, e dende o Goberno de España apostamos por formar ás novas xeracións no uso seguro da Internet e das redes sociais”, remarcou, salientando o traballo dos axentes, que traballaron cos escolares en cuestións como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da rede, o uso axeitado das redes sociais e a prevención fronte aos riscos das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC).
“Este programa demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer á infancia no entorno dixital”, finalizou a subdelegada.