OneDrive para empresas estrea a restauración de ficheiros

martes, 23 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O sistema de almacenamento na nube de Microsoft para empresas, OneDrive for Business, contará finalmente cunha funcionalidade longamente demandada: a restauración de ficheiros. Aínda que o servizo conta con numerosas medidas de seguridade para evitar a perda de datos, hai ocasións nos que os usuarios borran ficheiros accidentalmente, os ficheiros corrómpense e tamén poden padecerse infeccións de malware (como o ransomware que cifra os documentos nos equipos) polo que poder recuperar versións anteriores dos ficheiros actuais ou ficheiros borrados accidentalmente resulta de grande utilidade.
A restauración de ficheiros en OneDrive está agora dispoñible para os usuarios corporativos do servizo, de xeito que tanto administradores como usuarios finais poderán restaurar ficheiros na súa situación en calquera segundo dos últimos 30 días.
Esta nova función está accesible a través do menú de Configuración, onde aparecerá unha nova opción de Restaurar OneDrive, que facilitará o acceso a un histograma coa actividade dos últimos 30 días para así poder rebobinar cos cambios. A funcionalidade está a espallarse, polo que algúns usuarios poderían tardar varias semanas en tela dispoñible.

PUBLICIDADE