OnePlus leva os seus móbiles insignia á gama máis alta

martes, 14 de abril do 2020 Marcus Fernández

A marca OnePlus leva dende 2014 aspirando a facerse un oco entre os smartphones de alta gama, para o que partiron de produtos de prezos moi competitivos e grandes prestacións, como o OnePlus One, que chegara ao mercado a un prezo que partía dos 269 euros, de xeito que practicamente non tiña competencia, pero ano tras ano foron elevando tanto prestacións como prezo até chegar aos novos OnePlus 8 e 8 Pro, con prezos que parten dos 709 e os 909 euros respectivamente, de xeito que compiten directamente con fabricantes como Apple e Samsung, pese a non ter a mesma presenza comercial.
O OnePlus 8 busca ser a opción de prezo contido que incorpora prestacións de alta gama como un procesador Qualcomm 865 con 5G, 8 GB de RAM LPDDR4X, 128 GB de almacenamento interno UFS 3.0, pantalla Fluid AMOLED Full HD+ de 6,55 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz e cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, que pode xa reservarse por 709 euros en cor negra, verde ou rosada. A súa batería de 4.300 mAh conta cunha carga rápida que pode completar a súa batería até o 50% en só 22 minutos, e tamén conta con prestacións como Wi-Fi 6, NFC e Bluetooth 5.1 compatible con aptX, aptX HD, LDAC e AAC. Estamos así ante un produto moi completo, que máis adiante tamén contará con versións con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (a un prezo de 809 euros), e que é unha boa opción para os incondicionais de OnePlus que non queren realizar un investimento esaxeradamente elevado.
Pero o móbil realmente rechamante sería o OnePlus 8 Pro, que pode verse como o auténtico móbil insignia chamado a baterse cos grandes móbiles de referencia dos grandes fabricantes, e que conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 e 5G, 8 GB de RAM LPDDR5, 128 GB de almacenamento UFS 3.0 con Turbo Write, pantalla Fluid AMOLED Quad HD+ de 6,78 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, que pode reservase por 909 euros. A súa batería de 4.510 mAh pode cargarse até o 50% en só 25 minutos por cable ou en 30 minutos mediante carga sen fíos (contando tamén con carga sen fíos inversa); conta con certificación IP68 (polo que soportaría salpicaduras de líquidos), Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1 compatible con aptX, aptX HD, LDAC e AAC e NFC. Un produto que realmente estaría á par dos grandes teléfonos doutros fabricantes, e tamén daría un importante salto no apartado fotográfico, xa que, inclúe mellores sensores que o OnePlus 8, cun sensor principal de 48 Mpíxeles cun tamaño de píxel maior, un grande angular tamén de 48 Mpíxeles, un teleobxectivo de 8 Mpíxeles e unha lente con filtro de cor de 5 Mpíxeles. Permite gozar dun zoom híbrido de 3x, grava vídeo 4K a 60 imaxes por segundo, conta con cámara lenta de até 480 imaxes por segundo a 720p e moitas outras prestacións avanzadas en fotografía vídeo. No que á cámara frontal se refire, ambos smartphones de OnePlus optan por un sensor de 16 Mpíxeles integrado nun orificio en pantalla. Espérase que máis adiante estea dispoñible con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento interno (a un prezo de 1.009 euros).

O OnePlus 8 Pro na súa versión superior ousa cruzar a barreira dos 1.000 euros

PUBLICIDADE