OnePlus presenta a súa primeira tableta

martes, 25 de abril do 2023 Marcus Fernández

Está previsto que en breve saia á venda na India a nova tableta OnePlus Pad por un prezo de 37.999/39.999 rupias (422,35/444,60 euros), aínda que o prezo europeo non será moi superior (partirá dos 499 euros), o que fai que os interesados en tabletas de alta gama que non queiran pasar polo aro de Apple teñan o ollo posto neste produto.
Falamos dunha tableta cunha pantalla de 11,61 polgadas cunha resolución de 2.800 x 2.000 píxeles e unha velocidade de refresco de 144 Hz, procesador MediaTek Dimensity 9000, 8/12 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.3, batería de 9.510 mAh con carga rápida de 67 watts (polo que podería cargarse completamente en 60 minutos), e uns accesorios que permiten ampliar as posibilidades deste dispositivo, como sería o lapis dixitalizador OnePlus Stylo (que custará 99 euros) e o teclado OnePlus Magnetic (que venderase a 149 euros).
Unha interesante incorporación ao catálogo de tabletas con Android que medra cada día máis tras anos nos que parecía que este segmento do mercado carecía de sentido máis aló dos dispositivos económicos orientados a cativos que aínda non teñen smartphone.

PUBLICIDADE