OnePlus remata a súa colaboración con Hasselblad

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

O director xeral de OnePlus, Pete Lau, anunciou a través dun comunicado o inicio dunha nova etapa para a compañía no ámbito da fotografía móbil coa creación do DetailMax Engine, un motor de imaxe de seu baseado en tecnoloxía computacional. Con este paso, a empresa dá por concluída a súa alianza con Hasselblad, iniciada co OnePlus 9, que marcou unha das etapas máis significativas no desenvolvemento das cámaras dos seus smartphones.
Segundo Lau, a asociación con Hasselblad deixou unha fonda pegada no ADN da compañía, especialmente na reprodución cromática. «Axustamos cores ata que se sentisen como na vida real, discutimos sen fin sobre o ton exacto dun azul e pasamos noites no laboratorio perseguindo o equilibrio perfecto entre luz e sombra», sinalou, destacando que o coñecemento adquirido nesta colaboración servirá de base para os futuros dispositivos.
A nova aposta de OnePlus céntrase en responder ás demandas dos seus usuarios, que reclaman imaxes máis nítidas e realistas. O propio executivo recoñeceu que a maioría das persoas non se preocupa pola terminoloxía técnica, senón pola claridade das fotos, especialmente cando amplían os detalles. «O momento en que fas zoom nunha foto é cando realmente se xulga a cámara», afirmou.
O DetailMax Engine chega nun contexto no que a fotografía computacional evoluciona cara a unha maior fidelidade visual, afastándose de efectos artificiais ou escenas recreadas. OnePlus asegura que o seu novo sistema foi deseñado desde cero para aproveitar a potencia de procesamento e algoritmos avanzados, co obxectivo de ofrecer imaxes sen distorsións nin sobreembelecemento.
Lau revelou que xa está a probar un prototipo inicial e que os primeiros resultados son prometedores, o que lle fai confiar en que o vindeiro buque insignia da compañía estableza un novo estándar de claridade na súa categoría.
No seu comunicado, tamén tivo palabras de agradecemento para Hasselblad pola confianza e a colaboración destes anos, deixando aberta a posibilidade de futuras alianzas noutros ámbitos da fotografía móbil.