Onivia confía na galega Optare Solutions como provedora estratéxica TIC

mércores, 15 de xullo do 2020 S. P.

Onivia, operadora independente de telecomunicacións, vén de asinar un acordo coa empresa galega Optare Solutions para tirar proveito da súa ampla experiencia tecnolóxica en materia de xestión, operatividade, control e rendemento. Máis polo miúdo, a operadora almacenista española abordará a través desta alianza a posta en marcha dos seus sistemas de soporte á operación (OSS) e ao negocio (BSS), co obxectivo de ter uns procesos óptimos e unha ampla marxe de adaptación e evolución nos seus sistemas (escalabilidade segura e eficaz). Isto, indicou a empresa galega, “permitiralle achegarse a novos mercados e participar de maneira moi activa na flexibilización do acceso á banda larga no mercado español”.
Na procura da empresa máis axeitada para prestar estes servizos, un proceso que desembocou no acordo acabo de asinar, Onivia primou entre as súas condicións de contratación “a especialización no sector e a experiencia na definición de procesos áxiles e o despregue de plataformas OSS”, que son piares fundamentais para soportar o medre previsto en clientes e mercado.
O director executivo de Onivia (CEO), José Antonio Vázquez, explicou que “buscamos un socio que nos ofrecese solvencia tecnolóxica para adaptarnos aos estándares e esixencias do sector, e que, ao mesmo tempo, tivese unha ampla experiencia traballando no ámbito das telecomunicacións”. Este foron os principais motivos de terse decatando por Optare, nas súas palabras “unha compañía de referencia en consultoría para o sector, con amplo coñecemento do mercado da fibra en España e dos procesos almacenistas”.
Pola súa banda, Luis Alves, director xeral de Optare Solutions, explicou que “o proxecto de Onivia é clave para o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións en España, trátase dun verdadeiro reto para todo o equipo que asumimos coa experiencia que nos dá traballar con grandes clientes do sector nos últimos 18 anos, e ilusionados por poder colaborar nun proxecto apaixonante e destinado a potenciar o crecemento tecnolóxico”. Amais, salientou “a flexibilidade e a axilidade coa que levou o proceso de lanzamento do proxecto, así como a proximidade e confianza que se xerou co equipo”.
Cómpre lembrar que Onivia está considerada a primeira distribuidora independente e neutral de servizo almacenista bitstream en áreas metropolitanas en España, con presenza nas principais cidades españolas. Conta cunha rede de telecomunicacións de fibra óptica até o fogar FTTH de case un millón de domicilios en Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla e Valencia.


PUBLICIDADE