OnlyFans podería venderse por 8.000 millóns de dólares

venres, 6 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Nos últimos días está a provocar moito rebumbio a plataforma de contidos para adultos mediante subscrición OnlyFans, dando a impresión de que hai certo interese en pór os focos sobre a compañía de cara a unha posible venda. A compañía propietaria do servizo, Fenix International, estaría a explorar a venda ao grupo de investimento Forest Road Company, baseándose nunha valoración de 8.000 millóns de dólares, cantidade que non sorprende en absoluto se temos en conta que a compañía disparou os seus ingresos nos últimos anos, partindo duns poucos centos de millóns de dólares ao ano a uns 6.600 millóns de dólares en 2023.
Un dos temas comentados nos últimos días sería o feito de que o principal accionista de Forest Road, Leonid Radvinsky, recibise en 2022 máis de 338 millóns de dólares en dividendos, o que suporía uns ingresos a maiores do seu salario de máis dun millón de dólares por cada día laboral.
Tamén están a resultar rechamantes as tácticas publicitarias dalgunhas das estrelas en OnlyFans, que incluso están a contratar valados publicitarios nos EE.UU., Reino Unido e Australia, con resultados bastante positivos (falan de incrementos nos seus ingresos mensuais que dobran a cantidade investida en publicidade, o que a longo prazo sería extraordinariamente rendible).
Aínda que este tipo de anuncios son bastante discretos para respectar as lexislacións locais, están a sorprender polo contraste de modelos de negocio, xa que un servizo de subscrición en liña está a buscar unha maior visibilidade a través da publicidade máis tradicional que hai, o que pode entenderse como un xeito de evitar os filtros para a súa promoción que hai en moitos medios e plataformas na Rede, onde tentan agochar os contidos para adultos por motivos de imaxe.
Pero entender que OnlyFans é un mercado para contidos pornográficos non sería totalmente correcto, e nos últimos anos medrou considerablemente o número de celebridades que abriron conta na plataforma para achegar contidos aos seus seareiros, a cambio dunha subscrición, acumulando millóns de usuarios de pagamento (aínda que en varios casos coñecidos a traxectoria en OnlyFans foi unicamente por tempo limitado).