OpenAI abre a súa tenda de GPT personalizados

xoves, 11 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Un par de meses despois do seu anuncio, OpenAI abre ao público a súa tenda de GPT, de xeito que os usuarios que crearan un GPT personalizado (hai xa máis de 3 millóns) poden ofrecelo a través da nova GPT Store para usuarios de pagamento do servizo.
A nova tenda ofrece un rango moi diverso de GPT creados por socios de OpenAI e pola comunidade de usuarios, estando repartidos en categorías como DALL·E, escritura, desenvolvemento, educación ou estilo de vida.
A GPT Store tamén destacará cada semana algún GPT que consideren útil ou rechamante, comezando por Consensus (que permite buscar a resumir contidos de entre máis de 200 millóns de artigos académicos), Code Tutor (que busca mellorar as capacidades de programación co coñecemento da Kahn Academy), Books (facilita a localización de novas obras para ler) ou CK-12 Flexi (un titor de matemáticas e ciencia).
Os creadores de cada un dos GPT publicados na tenda poderán recibir unha compensación económica en función do uso que se realice, aínda que polo momento limitarán os pagamentos a usuarios estadounidenses (sen detallar como se determinará a cantidade a achegar).

PUBLICIDADE