OpenAI paga 15,5 millóns de dólares por Chat.com

mércores, 6 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Shah recoñeceu a compra-venda do dominio nun podcast

Aínda que coa emerxencia das plataformas sociais os nomes de dominio na Internet perderon boa parte do seu pulo, especialmente a nivel comercial, de cando en vez sábese dalgunha venda de dominios rechamante polas elevadas contías pagadas, como é o caso dun vello nome de dominio, Chat.com, que sempre foi moi valorado, e que en primavera teríao adquirido Dharmesh Shah por 10 millóns de dólares para vendelo un par de meses despois por unha cantidade superior aos 15 millóns de dólares, segundo el mesmo confirmou nunha entrevista para un podcast.

Sam Altman anunciou o uso do novo dominio dun xeito parco en palabras

Finalmente Shah confirmou que a cantidade pola que vendeu Chat.com era de 15,5 millóns de dólares, e que o comprador fose OpenAI, o que xa non é ningún segredo, xa que cando visitamos o dominio este redirixe as visitas de xeito automático a ChatGPT.
Polo momento non parece que OpenAI vaia mudar o nome de dominio de ChatGPT para empregar directamente a súa nova adquisición, pero poder axilizar o acceso a esta ferramenta a través dun dominio tan curto e directo pode resultar positivo, así como demostra a forza económica da compañía ao realizar un investimento tan innecesario como rechamante.