OpenAI podería tardar máis do previsto en lanzar os seus produtos de hardware

luns, 6 de outubro do 2025 Redacción

OpenAI e o deseñador británico Jony Ive están a enfrontarse a unha serie de problemas técnicos no desenvolvemento do seu novo e secreto dispositivo de intelixencia artificial, mentres se preparan para lanzar un produto chamado a revolucionar o mercado tecnolóxico o vindeiro ano.
A compañía con sede en San Francisco, dirixida por Sam Altman, adquiriu en maio por 6.500 millóns de dólares a empresa io, fundada por Ive, pero ambas partes revelaron moi poucos detalles sobre os proxectos que están a desenvolver. O seu obxectivo é crear un dispositivo do tamaño da palma da man, sen pantalla, capaz de captar sinais sonoros e visuais do contorno físico e responder ás peticións do usuario.
Segundo fontes próximas ao proxecto, aínda non se resolveron cuestións críticas que poderían atrasar o lanzamento. A pesar de contar coa experiencia do equipo de Ive (responsable dos icónicos deseños do iMac, o iPod e o iPhone), persisten atrancos tanto no software como na infraestrutura necesaria para facer funcionar o aparello. Entre os retos pendentes están a definición da personalidade do asistente, a xestión da privacidade e o orzamento para a enorme potencia de cálculo que precisa para executar os modelos de OpenAI nun dispositivo de consumo masivo.
Fontes de OpenAI restaron importancia aos problemas, cualificándoos de normais no proceso de desenvolvemento dun produto.
As persoas familiarizadas co proxecto describen un dispositivo de tamaño similar ao dun smartphone, que permitirá comunicarse mediante cámara, micrófono e altofalante (posiblemente con varias cámaras). Está deseñado para situarse sobre unha mesa, aínda que tamén poderá levarse enriba. Segundo The Wall Street Journal, permanecerá sempre activo, recollendo datos do día a día para alimentar a memoria do asistente virtual.
A compañía aspira a mellorar os altofalantes conectados da década pasada, como os Echo de Amazon ou os Google Home, que se usan sobre todo para funcións básicas como escoitar música. OpenAI e Ive pretenden crear unha máquina moito máis potente e útil. Non obstante, dous coñecedores do proxecto admiten que decidir o ton da voz e o comportamento do dispositivo está a ser un reto.
Un dos problemas é lograr que o aparello interveña só cando sexa realmente útil, evitando que fale en exceso ou non saiba rematar unha conversa, un defecto que tamén afecta a ChatGPT.
«A idea é que teñas un amigo que sexa un computador, pero non a túa estraña moza virtual... algo como Siri, pero mellor», dixo unha fonte informada sobre o proxecto. OpenAI busca que sexa “accesible pero non intrusivo”. Outra engadiu: «A personalidade do modelo é difícil de equilibrar: non pode ser nin demasiado adulador nin demasiado seco; debe ser útil, pero sen caer nun bucle de respostas».
OpenAI colabora ademais con fabricantes chineses como Luxshare para producir o seu primeiro dispositivo, aínda que podería montarse fóra de China, segundo dúas fontes próximas ao proxecto citadas por The Information.