OpenEmu achega as consolas de 8 e 16 bits aos Mac

martes, 24 de decembro do 2013 Marcus Fernández

OpenEmu presenta unha interface semellante á de iTunes, resultando moi familiar para os usuarios de OS X

Como se fose un agasallo de Nadal, vén de estrearse para OS X 10.7 ou superior a versión 1.0 de OpenEmu, un emulador de videoxogos de balde que fai moi doada a administración de xogos (ROM) e de mandos compatibles para poder gozar nos ordenadores de Apple de xogos clásicos para plataformas portátiles (dende a primeira GameBoy ata a Nintendo DS) e domésticas (dende a NES ata a SEGA 32X).
Deste xeito, os que gustasen dos xogos para as consolas de Nintendo e SEGA (así como da TurboGraftx-16) poderán rememorar os vellos tempos dende o seu Mac a través desta aplicación de código aberto, que mestura o traballo de varios emuladores e esfórzase en facilitar o uso de numerosos sistemas de control, sendo compatible con calquera mando xenérico USB ou Bluetooth, á vez que tamén é posible empregalo con mando de PlayStation ¾, de Xbox 360 (cun controlador), de Wii/Wii U e con numerosos mandos USB con aire retro (que imitan os mandos das videoconsolas clásicas).

Este emulador é compatible con numerosos mandos
Open Emu permite que gocemos de vellos xogos para consolas como a MegaDrive