Operativo no Mercado de Ribeira un contedor intelixente refrixerado para os pedidos por teléfono
martes, 16 de setembro do 2025
O Mercado Municipal de Ribeira xa ten operativo o servizo do contedor intelixente refrixerado (Smart Locker) que está instalado no vestíbulo da porta principal do inmóbel. Coa intención de dar a coñecer á veciñanza a operatividade deste contedor, desprazouse este martes 16 de setembro ata o mercado o tenente de alcalde e concelleiro de Mercados, Vicente Mariño que xunto a Juana Gómez da carnicería A de Juana explicaron o funcionamento da mesmo.
Segundo fixo saber Juana Gómez, logo da chamada do cliente, do pedido e da preparación, déixase o produto no contedor refrixerado e, a continuación, envíaselle ao cliente un código QR unha vez feito o pago pola ferramenta Bizum. “Deste xeito o cliente, con ese código QR, poderá abrir o seu contedor correspondente ao seu pedido no momento que precise co produto refrixerado en perfectas condicións”.
Maríño animou á veciñanza a utilizar este pioneiro sistema “que supón un novo impulso para consolidarse no distintivo de calidade de Mercados Excelentes que abre as portas a novas axudas e a novas melloras importantes para o mercado”.
O tenente de alcalde sinalou que o obxectivo é “potenciar e dar a coñecer este aparello que vén a ser un novo valor engadido para o Mercado Municipal”.
O concelleiro de Mercados para rematar manifestou que con esta tecnoloxía preténdese tamén achegar á xente máis nova ao mercado ou facilitar a adquisición de produtos de primeira calidade ás persoas que non dispoñen de tempo: “Ter o seu produto fresco e de calidade no contedor intelixente”.
