Nun momento no que os fabricantes de smartphones apuntan ao 5G e ás pantallas encartables, dende Oppo quixeron chegar ao Mobile World Congress presumindo dunha tecnoloxía da que veñen adiantando detalles moitos meses, e que por fin está lista para o público: un zoom de 10x sen perda de calidade para dispositivos móbiles.
Deste xeito, pronto veremos no mercado smartphones que leven a súa cámara traseira tripla un paso máis aló, por incluír ata 10 aumentos no seu teleobxectivo (que realmente traballaría con distancias focais de entre 16 e 160 milímetros), en vez dos 2 aumentos habituais, para o que tamén é preciso integrar tecnoloxía de estabilización óptica de imaxe, para conseguir imaxes estables e facilitar que os usuarios poidan capturar detalles que ata o momento non podían recoller coas súas cámaras por mor da distancia.
Oppo tamén confirmou que está preparando smartphones con procesador Qualcomm Snapdragon 855 e modem 5G, de xeito que conseguen estar á última en tecnoloxía, e terán un segundo trimestre do ano moi movido, con lanzamentos moi interesantes integrando estas últimas innovacións.
Cómpre lembrar que esta compañía ten a mesma matriz que OnePlus, polo que non sorprendería que algún dos vindeiros modelos de móbil desta marca poidan equipar unha das revolucionarias cámaras con zoom de 10x.
Oppo presenta unha cámara para móbiles cun zoom de 10x
Compartir Este Artigo

