Optare Solutions aproxímase cara á súa incorporación a BME Growth

martes, 1 de outubro do 2024 S. P.

A firma galega Optare Solutions, consultora referente en servizos de enxeñería especializada no mercado das telecomunicacións, continúa dando pasos no seu proceso de incorporación ao mercado BME Growth, tras completar con éxito dúas ampliacións de capital que reafirmaron o interese tanto do seu persoal como de persoas investidoras externas. “Estes fitos”, explicaron dende Optare nesta recta final de setembro, “achégannos á nosa esperada saída a Bolsa, nun contexto de forte respaldo tanto do equipo como do mercado”.
A primeira ampliación de capital, de 200.000€ e dirixida exclusivamente ao persoal, ofreceu a posibilidade de adquirir accións cun desconto do 10% sobre o prezo de saída. Co obxectivo de “garantir a participación de todas as persoas interesadas”, estableceuse un sistema de repartición que, debido á alta demanda, limitou a cantidade de accións que algunhas persoas puideron adquirir nesta primeira fase. “Isto”, engadiron dende Optare, “permitiu unha maior participación interna no proxecto, aínda que algúns participantes tiveron que recorrer á segunda ampliación de capital para complementar o seu investimento inicial”.
A segunda ampliación, orientada a persoas investidoras externas, buscaba recadar 1,8 millóns de euros. A resposta foi en palabras da empresa “contundente”, xa que “as solicitudes alcanzaron os 2,7 millóns de euros, superando amplamente as expectativas iniciais”, o que reflicte a confianza do mercado “na solidez do noso plan de crecemento e nas oportunidades que ofrece a nosa vindeira cotización”, sinalou Optare Solutions, engadindo que “a incorporación a BME Growth representa un paso estratéxico clave para a compañía, orientado a acelerar a nosa expansión internacional e reforzar a nosa capacidade operativa nos sectores nos que xa somos referentes, e permitíndonos tamén incrementar a visibilidade e dotarnos de novas ferramentas para seguir liderando nunha contorna cada vez máis competitiva e en constante evolución”.