Optare Ventures xa impulsou catro firmas innovadoras no seu primeiro ano de vida
martes, 5 de setembro do 2017- Luis Álvarez-Sestelo, director de Optare Ventures
O
fondo galego Optare Ventures, iniciativa a prol do emprendemento e o
capital semente da consultora TIC Optare, vén de facer balance do
seu primeiro ano de actividade. Entre os datos máis salientábeis do
informe sobre os seus doce primeiro meses de anos figuran os
seguintes: foi quen de impulsar catro participadas e mobilizou un
investimento total de 200.000 euros. No balance tamén se fai saber
que o fondo, dirixido polo galego Luis Álvarez-Sestelo, desenvolveu
os seus dous investimentos máis recentes en Boardfy e máis en
Wisestate IoT. De Boardfy,
plataforma galega de seguimento de prezos en liña, falamos
recentemente para facer fincapé na súa rolda de financiamento de
230.000 euros. Wisestate IoT, pola súa banda, é unha firma
innovadora con sede en Londres e raizame e Barcelona, posta en marcha
en 2016 e centrada en tirar partido da Internet das Cousas. Os outros
dous investimentos de Optare Ventures son Sila
Games e SetPay.
Segundo
fixemos saber con motivo da súa posta en marcha, Optare Ventures ten
a súa orixe na consultora galega Optare
Solutions, radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e
especializada en achegar recursos avanzados ao sector das
telecomunicacións. Con Optare Ventures, o obxectivo foi achegar unha
innovadora contribución ao emprendemento tecnolóxico, fornecendo as
novas propostas de mercado de capital semente (sobre todo nos
primeiros treitos do camiño dos proxectos seleccionados).
A
primeira iniciativa pola que apostou Optare Ventures foi a firma
galega SetPay (tecnoloxías
avanzadas para facilitar o pagamento mediante tarxetas bancarias en
mobilidade). Máis adiante foi a quenda de Sila
Games. Trátase dunha startup de venda de videoxogos
dixitais, fundada en 2013 polo galego Francisco Mosquera e Óscar
Mas. O seu cometido é desenvolver e implantar no mercado dos
videoxogos o modelo de tarifa plana, de xeito que os usuarios poderán
dispoñer sen límites dun catálogo de xogos de primeiro nivel a
cambio dun pagamento mensual.