Orange achega o seu proxecto de accesibilidade para discapacitados á sala Filmax da Coruña

mércores, 12 de decembro do 2007 Raquel Noya

A Fundación Orange e Navarra de Cine, S.L. veñen de presentar o proxecto Cine Accesible, unha proposta de integración destinada a achegar a cultura ás persoas con discapacidade para que poidan compartir o seu tempo de lecer con normalidade coas non discapacitadas.
Tralo éxito das primeiras etapas da iniciativa, que reuniron en diversas cidades españolas do redor de 2.000 persoas, unha nova edición deste proxecto chega á Coruña, mañá xoves 13 de decembro, coa proxección da estrea Donkey Xote dirixida por José Pozo e coa colaboración de Filmax.
Coa finalidade de cumprir o obxectivo último do proxecto Cine Accesible, é dicir, propiciar que persoas con e sen discapacidades poidan acudir xuntas ó cine, a proxección inclúe o subtitulado dixital do filme, que se leva a cabo sobre unha pantalla colocada baixo a da proxección, de xeito que non entorpece a visión da imaxe. Os subtítulos seguen un código de cores empregado polas persoas xordas, que facilita a identificación dos diálogos de cada personaxe principal cunha cor distinta.
Por outra banda, os invidentes disporán de auriculares persoais, con volume axustable dende os que poderán seguir unha descrición das situacións e as reaccións de cada personaxe, mentres que os sons orixinais se percibirán a través do altofalantes da sala.
A proxección de Donkey Xote comezará a partires das 18:00 horas nos cines Filmax no Porto Centro de Ocio da Coruña.
Os interesados deberán confirmar a asistencia a través da seguinte dirección de correo electrónico: fundación.es@orange-ftgroup.com ou ben chamando ó teléfono 656 15 64 73.

PUBLICIDADE