Orange e MásMóvil combinarán os seus negocios en España

martes, 8 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Tras meses de ruxerruxe sobre posibles operacións de fusión entre varios dos principais operadores de telecomunicacións en España para consolidar a súa posición de mercado, Orange e MásMóvil anuncian que iniciaron un período de negociación en exclusiva para combinar os seus negocios en España, operación da que pretenden que resulte unha joint venture controlada ao 50% por ambas compañías e cunha valoración conxunta de 19.600 millóns de euros. A valoración actual de Orange España é de 8.100 millóns de euros e a de MásMóvil de 11.500 millóns de euros, aínda que o peso no control da entidade non sería proporcional.
O acordo entre as partes recolle o dereito a lanzar unha Oferta Pública de Venda (OPV) baixo certas condicións e o dereito de Orange a tomar o control e consolidar a entidade combinada resultante en caso dunha OPV. En ningún caso Orange tería a obriga de saír da entidade combinada resultante nin a exercer esas opcións.
A operadora resultante contaría cunha rede de fibra óptica con presenza en todo o territorio estatal, chegando aos 16 millóns de unidades inmobiliarias, e cunha rede móbil con cobertura estatal que xestiona un volume moi relevante do tráfico do mercado español. De feito, contaría cun volume de liñas superior ao de Movistar, aínda que en ingresos continuaría a estar bastante por detrás (Movistar ten actualmente o 52,3% dos ingresos a nivel español).
Grazas á operativa conxunta a empresa resultante tería máis doada a expansión das súas redes FTTH e 5G, e confían que a transacción para esta nova aventura empresarial se asine no segundo trimestre do ano para concluír a no segundo trimestre de 2023 (tras obter as aprobacións das autoridades pertinentes).

PUBLICIDADE