Orange estrea fibra simétrica a 1 Gbps para o mercado residencial

mércores, 4 de abril do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá o operador Orange anunciou o lanzamento da súa nova conexión de fibra a 1 Gbps simétrico a nivel residencial e en todas as provincias españolas, chegando así potencialmente até 12 millóns de fogares. Paralelamente Orange mellora as velocidades dos seus clientes actuais de fibra, dobrando até os 100 Mbps a súa oferta de 50 Mbps e pasando aos clientes de 300 Mbps a 500 Mbps e aos de 500 Mbps a 1 Gbps respectivamente. Este cambio de velocidades non suporá cambio nos prezos e aplicarase de xeito automático nos vindeiros meses.
Atendendo á necesidade de mellores conexións sen fíos, tamén dan conta da súa nova tecnoloxía Wi-Fi Inteligente de Orange, solución que elixe en cada momento a configuración que proporciona a mellor experiencia de navegación sen fíos no fogar, e da que poderán gozar todos os clientes de fibra da compañía. Esta funcionalidade chámase band steering, e facilita que os dispositivos procuren conectarse en cada momento na banda de frecuencia de maior capacidade e menor saturación, e está dispoñible nos Livebox de Orange. Amais, os últimos routers Livebox dispoñen de 6 antenas e tamén analizan, orientan e axustan o sinal de radiofrecuencia ao dispositivo do usuario segundo onde estea en cada momento (beam forming) e, de non ser dabondo, tamén comercializan o novo repetidor Wi-Fi Premium que intégrase co router e forma «unha rede Wi-Fi Intelixente ampliada», de xeito que os dispositivos conectaranse de xeito automático ao router ou ao repetidor segundo conveña en cada momento.

Cadro coa nova oferta de fibra de Orange

PUBLICIDADE