Orange mostra á conselleira de Economía os detalles do seu proxecto de IA para empresas

martes, 23 de decembro do 2025 S. P.

A Consellería de Economía e Industria concedeu 4 millóns de euros para impulsar tres novos centros avanzados de uso compartido para empresas en Galicia. Así o recordou este martes 23 de decembro a conselleira María Jesús Lorenzana dende o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, destacando tamén “o importante esforzo que está a facer a industria galega para innovar e posicionarse como empresas modernas e tecnoloxicamente avanzadas”.
A conselleira visitou este martes 23 no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC na Coruña unha das tres empresas beneficiarias do Programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas que impulsa o IGAPE e cuxa resolución sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 23, precisamente. Trátase de Orange Espagne, S.A.U. (Grupo MasOrange), responsable do Proxecto AI4B: Intelixencia Artificial para Empresas, que recibirá unha achega de 1,3 millóns de euros para poñer en marcha unha plataforma de intelixencia artificial dirixida ao mercado B2B.
Lorenzana lembrou que esta orde de axudas está dirixida a grandes empresas galegas para que fomenten un ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores “que son quen ten maior dificultade para incorporar esa innovación nos seus procesos produtivos, nos seus produtos, na súa organización e tamén nos seus servizos”, indicou ao tempo que destacou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta a disposición do empresariado galego destes produtos punteiros.
Ademais de Orange Espagne S.A.U. resultaron beneficiarias da convocatoria deste ano as firmas Alén Space e o Real Club Celta de Vigo. En total, o Goberno galego concederá preto de 4 millóns de euros para impulsar a posta en marcha de tres novos centros avanzados de uso compartido e aberto en Galicia.