Orange prepara un router que emprega o 4G para mellorar as conexións de ADSL

mércores, 7 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O XXX Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital organizado por AMETIC está a empregarse por parte dos principais operadores españois para dar conta dos seus plans de futuro, e tras os anuncios de Telefónica e de Vodafone, chega hoxe Orange, que por voz do seu conselleiro delegado, Laurent Paillassot, sorprendeu ao anunciar que este mes combinarán o ADSL co 4G nun novo router para permitir que os seus clientes poidan “conseguir unha garantía de servizo de practicamente o 100%”, ou sexa, que aproveitarán os avances na banda larga móbil para mellorar o funcionamento da banda larga fixa en lugares aos que as redes de fibra óptica aínda tardarán en chegar.
O router híbrido de Orange, que combina infraestruturas de telecomunicacións fixas e móbiles, de xeito que os usuarios aos que o ADSL chegue a un máximo de 6 Mbps poderán gozar de velocidades maiores, xa que o novo router, ao detectar que se chega ao máximo de descarga posible, tirará proveito do 4G para conseguir velocidades de até 100 Mbps, incrementando considerablemente as posibilidades das conexións domésticas. Polo momento non detallan prezos nin prazos para esta solución que debería ser unha realidade comercialmente antes de rematar o ano.
Orange tamén ten previsto lanzar servizos de fogares conectados e, para o ano 2018, incluso prevén estrear un proxecto de banca móbil, aínda que o seu negocio central continuará a ser as telecomunicacións, de aí que Paillassot tamén dese conta de que están a adiantar os seus plans de espallamento da fibra óptica en España, de xeito que teñen marcado como obxectivo levar a súa cobertura a 14 millóns de fogares en 2019, en vez de en 2020.
O 4G tamén continuará a avanzar nos vindeiros meses, asegurando o conselleiro delegado de Orange que actualmente son o operador que conta con maior porcentaxe de clientes con 4G e tamén serían os que máis tráfico xestionan na súa rede, posición que esforzaranse en manter.

PUBLICIDADE