Orange trae a España o primeiro móbil de LG con Android

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O sistema operativo para móbiles Android está presente cada vez en máis terminais, e o fabricante surcoreano LG tamén aposta por esta plataforma co seu GW620, móbil que finalmente chega a España a través de Orange, operadora que xa ofrece este terminal aos seus clientes profesionais a un prezo de entre 0 e 79 euros segundo as tarifas de voz e datos contratadas.
O LG GW620 é o primeiro móbil con Android de LG (aínda que polo momento parece que conta cunha versión un tanto vella do S.O. promovido por Google, a 1.5), ten unha pantalla táctil resistiva de 3 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, teclado QWERTY, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash, Wi-Fi, GPS, compás, sintonizador de radio FM, Bluetooth e 1 Gb de almacenamento a través dunha tarxeta microSD incluída (soporta ata 32 Gb).
O móbil tamén incorpora a ferramenta SNS Manager que facilita a xestión das principais redes sociais a través de S-Class, o que permite actualizalas en tempo real dende case calquera lugar. Tamén ten unha boa capacidade reprodución multimedia con soporte de música en MP3, MP4, AMR, AAC, AAC+, WAV e WMA e vídeo en MPEG-4, DivX, WMV, H.263 cunha resolución QVGA a 24 fps e H.264 a 480 x 320 tamén a 24 fotogramas por segundo.

PUBLICIDADE