Orgullo Galego estrea o seu proxecto web sobre a espiritualidade do Reino de Galiza
venres, 17 de outubro do 2025
Orgullo Galego lanzará este luns 20 de outubro o seu proxecto titulado Martiño de Dumio: A espiritualidade popular no Reino da Galiza, un proxecto web que se desenvolverá ata finais deste ano 2025 Impulsado por Borxa González Castro de Orgullo Galego e ao abeiro do certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia da Área de Cultura da Deputación da Coruña, ten o obxectivo de entender como pensaban e como crían os habitantes do século V tirando do De Correctione Rusticorum de Martiño de Dumio.
Borxa, contextualizando o proxecto, explica que Martiño de Dumio foi un relixioso cristián do século VI que, aínda sen ter nacido na Gallaecia, “foi unha figura fundamental que determinou non só os destinos do Reino naquela altura senón para os séculos posteriores”. Engaden que as decisións e análises do bispo, que chegou ao Reino Suevo da Galiza cara ao ano 550, influíron de tal xeito que chegaron ata os nosos días.
Amais, engaden que Martiño de Dumio non só destacou pola conversión do Reino ao cristianismo ou polos fundamentais concilios de Braga, tamén por influír sen querelo na lingua galega, xa que el é responsable de que chegasen ata os nosos días os días da semana na forma das feiras. Tamén documentou cultos que chegaron ata tempos recentes coma o culto aos animais, as aves e os agoiros, as crenzas e cultos máxicos ás fontes, cruces de camiños ou ás herbas, o tronco no lume, etc.
Para este proxecto, Orgullo Galego contará coa antropóloga Lidia Mariño quen será a condutora dos capítulos. Lidia Mariño naceu en Portosín no ano 1984, é diplomada en Fisioterapia, graduada en Antropoloxía Social e Cultural na UNED e conta coa titulación de varios cursos sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega, así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais.
No apartado da gravación e montaxe participará David Miranda, especialista en comunicación audiovisual, mercadotecnia dixital e estratexia de marca. Lembrar que David Miranda foi premiado no Youtubeiras polo proxecto Falemos do Reino de Galicia.
O proxecto contará tamén con subtitulado adaptado en lingua galega por parte profesional Jose Rodríguez, graduado en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo

- Lidia Mariño e Borxa González Castro, de Orgullo Galego
En materia de contidos audiovisuais o proxecto arrincará o luns 20 de outubro coa publicación dos dous primeiros vídeos de presentación, un formato audiovisual que nos levará ata mediados de novembro xa que todos os luns e mércores publicarán un vídeo, 8 na súa totalidade. Terán unha duración duns 2 minutos e medio e a través das condenas eclesiásticas de Martiño de Dumio, “o público poderá mergullarse na forma de entender a espiritualidade do pobo que habitaba o reino de Galiza”.
Nestes vídeos falarán sobre os agoiros ligados aos animais, os ritos asociados á herba de namorar, o culto ás fontes, tamén da figura mitolóxica da Moura, os Amilladoiros, o tizón de Nadal, as vulcanais, etc
“Os temas que tocamos estarán relacionados con lugares moi concretos do noso país, e así neste proxecto visitarán Santo André de Teixido, Noia, Porto do Son, Betanzos, Compostela, Outes, etc”, explican.
Outro dos apartados do proxecto terá formato de conversa en liña. Así, unha vez publicados os 8 vídeos tocará a quenda da conversa online mantida entre Borxa González Castro (Orgullo Galego) e Lidia Mariño (antropóloga). Unha conversa realizada no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume) e na que durante case 60 minutos afondarán máis sobre os temas tocados nos 8 vídeos
Este proxecto levará tamén a publicación de infografías e un artigo na páxina web de Orgullo Galego. Para rematar nos meses de novembro e decembro visitarán varios centros de ensino para presentar o proxecto e mostrarlle ao alumnado a importancia do noso patrimonio así como da nosa historia, buscando levar o proxecto a todos os públicos e sensibilizar sobre o Reino de Galiza
Tanto os vídeos como as conversas poderán visualizarse na canle de Youtube de Orgullo Galego deitando as infografías, pequenos vídeos e o artigo nas súas redes sociais de Instagram, Facebook, Tik Tok, X, Telegram, Whatsapp e Bluesky
Orgullo Galego é unha comunidade en redes en lingua galega que conta con máis de medio millón de seguidoras e seguidores presentes en máis de 80 países, polo que o obxectivo é achegar a nosa historia a un público amplo e diverso, contribuír a levar o Reino Galego ao conxunto da poboación.
