Orgullo Galego organiza as súas V Xornadas Online de Entroido
luns, 9 de febreiro do 2026
A comunidade dixital Orgullo Galego celebra nestes 2026 as súas V Xornadas Online sobre o Entroido de Galiza. Estas xornadas en liña son emitidas nas canles de YouTube, Ivoox e Spotify.
Dende a organización explican que nas anteriores xornadas, que tamén están subidas ás redes, contaron cunha chea de entroidos coma o de Laza, Viana do Bolo, Manzaneda, A Xironda, Bande, Vigo, Muros, Vilariño de Conso, Samede, etc. e con figuras moi destacadas coma os antropólogos Rafael Quintía e Lidia Mariño ou o investigador Antonio Reigosa.
Con temas tan interesantes coma o carácter ritual e simbólico do porco, o papel da muller no entroido e na tradición, entroidos de recente recuperación coma o de Aguasantas, Mos, Courel ou Sobradelo.
Nestas novas xornadas Orgullo Galego combina de novo a presenza de representantes de diversos entroidos con persoas que axudarán na análise das cuestións máis concretas do ciclo de Entroido.
As xornadas están a desenvolverse desde o pasado luns e terán continuidade nesta semana.
A programación é a seguinte:
-Mascaradas do Val do Támega e adxacentes: Influencias e confluencias. Conversa coa investigadora Nieves Amado.
-O Antroido de Cerqueda (Malpica).
-O Entroido da Illa de Ons. Conversa co investigador Xosé Manuel Dopazo.
-O Entroido de Ribadetea.
-O Entroido de Camba (Laza). Proxección da curta e conversa coa súa autora Laura Prieto.
Estas charlas dicir que xa están publicadas nas 3 plataformas citadas.
-Entroido da Fonsagrada.
-Conversa co fotógrafo Roberto de la Torre: O papel dos fotógrafos na tradición.
Estas dúas conversas publicaranse a comezos desta semana.
“O obxectivo destas xornadas é coñecer o o significado e o valor cultural e antropolóxico destes entroidos e en xeral do Entroido, un dos maiores fenómenos culturais da nosa cultura”, indica Borxa González de Orgullo Galego, continua afirmando que “queremos poñer en valor a eses milleiros de persoas que traballan na súa zona para manter viva a nosa identidade e as nosas tradicións”.
E engaden: “Ao longo destas cinco edicións dimos voz a ducias de entroidos e traballamos na divulgación do entroido no campo da investigación e do seu estudo, contando ata hoxe con máis de 60.000 visualizacións en todas as plataformas”.
Orgullo Galego é unha comunidade en redes en lingua galega que naceu no ano 2016 e que ten como obxectivo transversal divulgar a lingua, cultura, tradicións e tamén a actualidade de Galicia. Hoxe é unha comunidade consolidada con medio millón de seguidores e seguidoras nas redes sociais por todo o mundo.
