Orgullo Galego organiza en febreiro a 4ª edición das súas xornadas en liña sobre o Entroido
martes, 4 de febreiro do 2025
A canle Orgullo Galego inicia este mércores 5 de febreiro as súas cuartas Xornadas de Entroido, organizada pola comunidade en liña con vontade de chegar á máxima cantidade de audiencia a través das redes. Segundo informan, as xornadas serán emitidas nas canles de YouTube e Twitch de Orgullo Galego e posteriormente ficarán subidas en formato podcast en Ivoox e Spotify, podendo tamén desfrutar do vídeo-podcast en YouYube.
Nas anteriores xornadas, que tamén están subidas á Rede, as e os integrantes da comunidade contaron cunha manchea de entroidos coma o de Laza, Viana do Bolo, Manzaneda, A Xironda, Bande, Vigo, Muros, Vilariño de Conso, Samede, etc. e con figuras destacábeis como os antropólogos Rafael Quintía e Lidia Mariño ou o investigador Antonio Reigosa.
Nestas novas xornadas combinarán de novo a presenza de representantes de diversos entroidos con persoas que axudarán na análise das cuestións máis concretas do ciclo de Entroido. As xornadas comezarán este mércores día 5 con Ismael Pato Pérez, unha das persoas responsábeis na recuperación dos Currumiños de Mos e participante activo dese entroido.
As xornadas continuarán na vindeira semana con Manuel Suárez da Asociación Cultural Entroido de Aguasantas en Cotobade. Contarán tamén con Noa Sobrino, peliqueira de Laza e filóloga que levou adiante unha investigación sobre as figuras tradicionais do Entroido e os estereotipos de xénero. Polas sesión pasarán tamén Xesús Afonso Parada, veciño do Courel e Rochi Novoa, presidenta da Asociación O Sobradelo do Tarangaño que falará sobre os Farrumecos de Sobradelo.
As xornadas estenderanse até finais de mes, onde contarán con Anxo Rosales para falar do significado e do carácter simbólico do porco no entroido e na cultura galega e con Felipe Castro, quen achegará ao significado e orixes da mascarada do Oso de Salcedo.
“O obxectivo destas xornadas é coñecer o o significado e o valor cultural e antropolóxico destes entroidos e en xeral do Entroido, un dos maiores fenómenos culturais da nosa cultura”, indica Borxa González de Orgullo Galego, que engade que “queremos poñer en valor a eses milleiros de persoas que traballan na súa zona para manter viva a nosa identidade e as nosas tradicións”.
Orgullo Galego é unha comunidade en redes en lingua galega que naceu no ano 2016 e que ten como obxectivo transversal divulgar a lingua, cultura, tradicións e tamén a actualidade de Galicia. Hoxe é unha comunidade consolidada con medio millón de seareiros e seareiras nas redes sociais por todo o mundo.