Os 15 proxectos do Ames AV LAB visitan media ducia de empresa de contidos

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

A primeira edición do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para impulsar a nova produción audiovisual, enfila esta tempada a súa recta final. Segundo explicou o Concello, durante as últimas semanas, as persoas responsábeis dos 15 proxectos que participan no Ames AV LAB visitaron as instalacións das empresas Ficción Producións, Mirabelle Comunicación, Cinemar Films, Setemedia Producións e Zenit Televisión. Tamén participaron nun encontro por vídeo-conferencia con Peter Andermatt (director da Oficina Media España).
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “estas visitas tiveron como obxectivo principal dar a coñecer as empresas que forman parte da Comisión de gobernanza do Ames AV LAB. Os/as creadores/as do Ames AV LAB coñeceron en profundidade a traxectoria, actividade e experiencias destas empresas líderes, favorecendo o intercambio de coñecementos e o fortalecemento das relacións dentro do laboratorio audiovisual”.
Nestas visitas as e os responsábeis dos proxectos puideron coñecer de preto os proxectos audiovisuais que están desenvolvendo nestes momentos ditas empresas e mailo traballo que realiza o seu persoal.
Como dixemos, tamén participaron nun encontro por vídeo-conferencia con Peter Andermatt (director da Oficina MEDIA España). Andermatt impartiu un obradoiro técnico sobre as oportunidades que ofrece Europa Creativa MEDIA (subprograma de Europa Creativa, que nace desde a Comisión Europea para dar apoio á industria audiovisual europea).
O director da oficina MEDIA presentoulles aos participantes do Ames AV Lab todos os servizos de apoio, en especial as diferentes convocatorias de axudas, as actividades de formación e networking e as canles de difusión do programa como ferramentas moi interesantes para empregar nos proxectos.
As series que se están desenvolvendo dentro do Ames AV LAB son: As labregas, dirixa por Rosa Taboada; Amil, de Julia Herrmann; Orquestra Raíña, creada e guionizada por Sergio Rodríguez; e Deseo más, dirixida por Raúl Alonso. Dentro do xénero das curtametraxe desenvólvense seis proxectos: Fóra de campo, dirixida por Neves Rodríguez; Raíces analóxicas, dirixida por Manu Seoane; Tres cartas de esperanza, de Silvia Varela; Nemeto, de Marta Rodríguez; Cuando los árboles lloran, de Miguel Bouzas; e O Laúro, producida por Andrés Sanjurjo.
Por outra banda, hai tres longametraxes: 42.195 metros, dirixida por Noelia Papín; Hacia el espacio interior, de Roi Grandío; e Serenade, dirixida por Pedro Díaz. Dentro do xénero documental, seleccionáronse dúas propostas; Dous nichos para Maruja, producida e dirixida por Santiago Araújo; e Tramoloxía, de Álvaro Alvite.