Os 20 proxectos do coworking de Barro adestraranse en fabricación dixital

martes, 12 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Falar de coworking é falar de novos xeitos de facer empresa. De aí a un protagonismo especial das novas tecnoloxías e da presenza feminina non hai máis ca un paso. Un exemplo disto é a nova edición (a segunda) do coworking de Barro, que comeza a funcionar este 14 de xuño froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI). Este novo espazo de traballo colaborativo contará coa participación de 20 proxectos emprendedores, unha parte dos cales son iniciativas relacionadas coas novas ferramentas dixitais.
A sede de operacións será o viveiro de empresas de Barro, durante un período de cinco meses. Será de balde e, ademais, abrirá vieiros de acceso a importantes vantaxes formativas. Por exemplo, acceso ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) situado no mesmo espazo. Por certo que boa parte das iniciativas acubilladas están lideradas por mulleres, 13 das 20. Segundo afirmou na presentación do coworking Carmela Silva, presidenta da Deputación, este feito responde a que “as mulleres, nesta provincia, están a converterse en protagonistas do desenvolvemento económico”.
En total, os proxectos que comezan a desenvolverse en Barro centraranse en eidos como a psicoloxía, a publicidade online, a radio, o ensino, a internacionalización, a arqueoloxía, a nutrición e a saúde, o turismo, a avogacía, a selección de persoal, as tecnoloxías ou a fotografía.
Amais do espazo de balde durante case medio ano, a Deputación de Pontevedra ofrece a estas novas emprendedoras e emprendedores acompañamento individualizado e accións formativas especializadas para “garantir o éxito dos seus proxectos”. Máis polo miúdo, a cada proxecto destinarase 40 horas de asesoramento persoal nas que se traballarán “conceptos esenciais para o desenvolvemento da súa idea empresarial”.
Ademais, desenvolveranse 60 horas de formación específica a través de obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e xestión de proxectos (temas como as competencias emprendedoras, a creatividade e innovación aplicada ao mundo empresarial, a metodoloxía Lean StartUp adaptada ao modelo de negocio, como poñer en marcha un plan de mercadotecnia dixital, como atopar e consolidar a viabilidade económica, etc).
Ademais, como dixemos, as persoas participantes terán acceso de balde ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital), que está situado no mesmo viveiro de Barro, e onde se dispón de equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, etc.). Nestes laboratorios, segundo informou a Deputación, desenvolveranse “unha completa programación de obradoiros específicos de Arduino e fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía”. Deste xeito, engadiu a entidade provincial, “calquera emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións”. Amais, e tamén no marco do FabLab, celebrarase unha jam (ensaio-improvisación colectiva) para a creación de solucións de forma conxunta a un reto que se lles proporá ás persoas que asistan.
Para rematar organizarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante o cal se presentaranse os proxectos participantes na segunda edición do coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

PUBLICIDADE