Os 20 proxectos que participaron en Connect-19 sumaron máis de 180 postos de traballo

martes, 12 de xaneiro do 2021 S. P.

Este martes 12 de xaneiro celebrouse no acto final do programa Connect-19, a aceleradora de proxectos destinados a impulsar, dende diversas frontes tecnolóxicas, a nosa adaptación á nova realidade pandémica, propoñendo, tamén, novos e diversos xeitos de combater o coronavirus. No acto presentáronse novamente os 20 proxectos que se beneficiaron da iniciativa, proxectos dos eidos TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e sanitario, principalmente.
En palabras do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, estas dúas decenas de iniciativas son a proba de que Galicia “é un referente fronte á pandemia, dende a innovación, o emprendemento e o talento”.
O remate do programa celebrouse no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, coa presenza de Conde e da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, entre outros representantes das administracións e do noso tecido produtivo e investigador.
Na cita, o conselleiro explicou que a aceleradora naceu para que “a capacidade de resposta das empresas innovadoras galegas fronte á COVID-19 puidera traducirse en solucións a curto e medio prazo, xa que a pandemia fai máis necesario que nunca acelerar a transferencia de innovación ao mercado para xerar valor económico, emprego e respostas ás novas demandas”.
Pola súa parte, a directora de GAIN, Patricia Argerey, destacou que “en menos de seis meses as empresas participantes foron capaces de poñer a disposición do mercado produtos e servizos para que a nosa vida sexa máis fácil nesta situación de pandemia”. E resaltou o feito de que “o 60 % son microempresas, o que demostra que as empresas moi pequenas tamén poden innovar, polo que merece a pena apoialas para que as solucións que ofrecen teñan un longo percorrido neste contexto de incerteza que estamos a vivir”.
No acto fíxose saber que as 20 pemes participantes sumaron máis de 180 postos de traballo, cunha facturación global de 25M€ e unhas vendas ao exterior de 3M€.
Entre as contribucións xeradas estes últimos meses destacouse a creación de novos equipos de protección individual; de sistemas para o control de accesos ou a detección precoz do virus; de dispositivos de carteleira dixital; dunha aplicación para controlar e mellorar a nutrición de pacientes hospitalarios; ou de produtos de cosmética con capacidade antiviral.
O vicepresidente económico trasladou o compromiso do Goberno galego coa investigación e a innovación dentro deste novo contexto económico e lembrou que xunto coa Connect-19 puxéronse en marcha outras medidas neste eido que suman un total de 22M€.
Orixes e desenvolvemento
O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN- puxeron en marcha o pasado mes de xuño o programa Connect-19, unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións para a loita contra o impacto da COVID-19. Neste programa participaron 20 empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, que ao longo de cinco meses recibiron apoio para a comercialización dos seus produtos e/ou servizos, destinados a reducir os efectos sociais e económicos provocados pola pandemia.

PUBLICIDADE