Os 30 videoxogos máis vendidos no Xapón serían para Switch

luns, 16 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Aínda que moitos xogadores consideran que a Nintendo Switch é unha consola de videoxogos menor, pola súa reducida potencia, o mercado non parece darlles a razón, e a consola está a colleitar magníficas vendas de máquinas e de xogos, e como boa mostra diso temos que na listaxe de vendas de xogos no Xapón elaborada pola revista Famitsu fíxose historia ao ocupar unha única plataforma os 30 primeiros postos, ou sexa, que a Switch é un éxito indiscutible, que consegue eclipsar totalmente ás consolas de PlayStation pese a ser ambas plataformas xaponesas.
Aseguran que é a primeira vez que unha plataforma acapara a listaxe de vendas de Famitsu dende novembro de 1988, cando aconteceu o mesmo coa Famicom (a versión xaponesa da NES). Aínda que en todos estes anos houbo moitos momentos nos que Nintendo ocupou a meirande parte dos postos do Top 30 de Famitsu, especialmente nos tempos da SNES e da Game Boy, pero sempre había algún oco para xogos doutras plataformas, pero o que resulta evidente é que Nintendo coñece moi ben o seu mercado local. Se botamos a vista ao mercado español, aínda que Nintendo ten moi boas vendas, compartiría as listaxes dos xogos máis vendidos con PlayStation (PS4 e PS5).
Ante esta situación non resulta nada sorprendente que Nintendo non teña previsión para unha sucesora da Switch, e que, en vez de lanzar unha Switch Pro como desexaban moitos, a súa revisión limítase a pequenos cambios relativos ao hardware da consola, sen afectar aos seus xogos.

PUBLICIDADE