Os AirPods 4 poderán adquirirse con cancelación de ruído

luns, 9 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A renovación dos auriculares sen fíos de Apple realizada hoxe foi bastante interesante, especialmente polo feito de que os novos AirPods 4, co seu característico deseño aberto, estarán dispoñibles nunha versión normal a un prezo de 149 euros e nunha versión con cancelación de ruído activa por 199 euros. Deste xeito, os usuarios que queiran gozar da cancelación de ruído activa e non gusten das almofadas de silicona dos AirPods Pro terán unha alternativa da marca Apple.
Os AirPods 4, grazas á integración do chip H2, contan con prestacións de audio avanzadas como illamento de voz, mellora da nitidez das chamadas e interaccións con Siri (en breve permitirán responder ás súas preguntas negando ou asentindo coa cabeza).
Agora tamén contan cun estoxo de carga USB-C que achegan até 30 horas de autonomía en total, que son un 10% menos voluminosos que a versión anterior, e tamén poden cargarse co cargador dun Apple Watch ou cun cargador sen fíos ordinario.

Vídeo promocional dos AirPods 4

Cambios menores no resto de auriculares de Apple

Apple tamén anunciou novidades noutros auriculares da marca, como os AirPods Max, dos que moitos esperaban unha renovación importante e atoparon simplemente a incorporación de novas cores e o uso dun conector USB-C para a carga, polo que podemos entender que simplemente actualizaron o dispositivos para adaptalo á lexislación europea, sen chegar a renovalo como pedía o público.
No caso dos AirPods Pro 2 o produto non experimentou cambios de hardware, senón que simplemente se anunciaron novidades que recibirá mediante actualizacións de software, como a interacción con Siri mediante xestos da cabeza, o illamento de voz para mellorar a comunicación cando hai moito ruído ou vento, e unha función de saúde auditiva que promete protexer os ouvidos de niveis de ruído prexudiciais.
Nos EE.UU. aseguran que estes auriculares tamén poderían empregarse a xeito de audífonos por parte de persoas con eivas auditivas, para o que contan con ferramentas de control da audición e funcións para facilitar escoitar tanto chamadas telefónicas como ás persoas que teñamos diante, aínda que semella que estas funcionalidades precisan de certificación por parte das autoridades europeas para poder chegar oficialmente a España.

Anaco da presentación no que se centran no uso dos AirPods Pro 2 como un dispositivo de saúde