Os AirPods Max poderán recibir audio sen perda
luns, 24 de marzo do 2025
Cando o pasado mes de setembro Apple anunciou a renovación dos seus auriculares AirPods Max, decepcionou enormemente por limitar a actualización deste accesorio de elevado prezo á incorporación dun porto USB-C e unha ampliación na gama de cores dispoñibles.
Dado que falamos duns auriculares que están á venda oficialmente por 579 euros, resultaba extraordinariamente rechamante que non contasen coa opción de permitir escoitar música sen perda, que Apple Music ofrece dende 2021, algo que si permite practicamente calquera auricular de cable, polo que os propietarios dun destes trebellos agradecerán o anuncio que vén de realizar a compañÃa da mazá: en abril os AirPod Max recibirán unha actualización de software que habilitará o son sen perdas e o son de baixa latencia.
Para poder gozar de son en 24 bits a 48 kHz sen perdas, respectando a integridade da gravación sonora orixinal, será preciso conectar os AirPods Max por USB-C. Deste xeito, será posible recibir coa maior calidade posible o son de máis dun cento de cancións dispoñibles a través de Apple Music (servizo musical que ofrece tal calidade sen custo adicional, incluso no seu plan para estudantes).
Apple destaca o feito de que mediante USB-C será posible gozar de son con baixa latencia e sen perdas, o que resultará de especial atractivo para creadores musicais, xa que poderán gozar de ferramentas como Logic Pro cos seus auriculares, que aseguran ser os únicos do mercado en permitir crear e mesturar son espacial persoalizado con seguimento de cabeza.
A baixa latencia tamén é unha vantaxe que agradecerán os que empreguen os auriculares para xogar ou para realizar retransmisións en directo, xa que eliminar retardos fai moito máis fiables e inmersivas tales experiencias.
O que non deixa de ser sorprendente é que Apple tarde máis de medio ano en integrar o son sen perdas por cable nos seus auriculares máis caros, cando a meirande parte dos auriculares con cable do mercado, con prezos moi inferiores, xa facÃan tal.
ACTUALIZACIÓN: Paralelamente a este anuncio, Apple tamén vén de incorporar á súa tenda un cable de 1,2 metros de USB-C a mini-jack que permite asà gozar do son sen perdas e baixa latencia cuns auriculares AirPods Max conectados a sistemas de son estándar. O novo cable ten un prezo de 45 euros.