Os AirPods de Apple poderían non chegar ao mercado antes do Nadal

luns, 12 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Non é ningunha sorpresa que o iPhone 7 non é un produto que estea a recibir a resposta que Apple desexaba, pois o público percibiu que non achegaba novidades importantes fronte ao iPhone 6s e incluso prescindía innecesariamente do tradicional porto de auriculares, e aínda que Apple suxería o uso dos seus revolucionarios auriculares sen fíos AirPods, o produto non só non chegou ao mercado en setembro, acompañando ao smartphone, senón que incluso perdeu a oportunidade do Black Friday e agora The Wall Street Journal incluso suxire que os problemas de produción poderían provocar que deixasen pasar a potente campaña de Nadal, o que considérase un grande fracaso para a compañía da mazá.
Tendo en conta que falamos dun accesorio que custa 179 euros, está claro que o Nadal era unha boa época para animar á súa compra, pois non é algo que moitos usuarios vaian adquirir por impulso, especialmente ante as dúbidas que hai sobre uns auriculares sen fíos que carecen de cable entre ambos terminais e de sistemas de suxeición adicional (provocando certo medo a extraviar os auriculares ao facer exercicio, aínda que cómpre precisar que, ao carecer do peso do cable, é bastante difícil que escapen da orella accidentalmente).
Os usuarios de unidades de pre-produción dos AirPods aseguran que non dan problemas de sincronización e funcionamento, polo que é bastante probable que esteamos ante dificultades na produción masiva, o que lembra ao retraso do lanzamento do iPhone 4 en cor branca en 2010, que ocasionou un cambio de calendario para o lanzamento dos iPhone que incluso está vixente hoxe.
Aínda que The Wall Street Journal non considere que os AirPods poidan chegar a tempo para o Nadal, o analista John Gruber suxire que a posta á venda dos auriculares podería ser inminente, aínda que o número de unidades á venda sería demasiado reducido para atender a demanda nunha campaña comercial tan importante.
ACTUALIZACIÓN (13-12-2016): Xa poden adquirirse os AirPods na tenda en liña de Apple figurando inicialmente o 20 de decembro como data de envío, aínda que agora xa se estiman 4 semanas para atender os pedidos, confirmando que as unidades iniciais deste produto serán bastante limitadas.

PUBLICIDADE